Os contaxios volven a Salceda de Caselas, a presenza do virus aumenta en Tomiño e Redondela e baixa a incidencia en Vigo. Pazos de Borbén, libre de COVID-19.
Segundo a última actualización de Sanidade, a COVID-19 deixou de circular nunha semana no concello de Mondariz mais volven os contaxios a Salceda de Caselas e aumenta a incidencia en Tomiño e Redondela. En Vigo son menos de 25 positivos por 100.000 habitantes en 7 días.
Mondariz únese, nesta actualización, aos concellos do Rosal e das Neves á listaxe dos municipios no que o virus deixou de circular nunha semana entre a veciñanza. Con todo, manteñen casos coa perspectiva de 14 días polo que aínda non están libres de COVID-19 como si é o caso da Cañiza, Crecente, Mondariz-Balneario, A Guarda, Oia, Fornelos de Montes, Covelo e, agora, Pazos de Borbén.
Sanidade situaba a Salceda de Caselas como un dos concellos nos que o virus deixera de ircular tanto a unha semana como a dúas mais agora volve a rexistrar contaxios. Non máis de 9 nunha semana e cunha incidencia entre os 10 e os 25 casos por cada 100.000 habitantes en 7 días.
Precisamente, á incidencia de menos de 25 positivos por 100.000 habitantes nunha semana, descende Vigo con 72 casos, 6 menos que na anterior xornada. A cidade olívica comparte situación epidemiolóxica con Nigrán, Salvaterra de Miño, amáis de Salceda. Só Vigo supera o abano dos 1-9 contaxios.
A presenza do virus aumenta en Tomiño e en Redondela pois presentan unha incidencia entre os 25 e os 75 positivos por 100.000 habitantes nunha semana cando en anteriores xornadas non se achegaban a esta cifra. Nesta mesma situación continúan Arbo e Mos sen superar ningún deles o abano dos 1-9 casos.
Pola súa banda, Soutomaior continúa como o municipio das comarcas coa maior incidencia. Supera os 125 casos por 100.000 habitantes nunha semana e son 15 casos, un máis que onte, segundo o SERGAS. Baiona, Tui, O Porriño e Ponteareas non rexistra máis de 9 positivos e son menos de 10 contaxios por 100.000 habitantes en 7 días.
No conxunto da Área Sanitaria de Vigo son 452 casos activos, catro máis que onte. Os pacientes que precisan hospitalización por mor da COVID-19 son 6 en camas convencionais, un menos que na anterior xornada, e 5 nas UCI.