Mellorará a seguridade na zona, onde se teñen rexistrado numerosos sinistros.
Este mes darán comezo as obras de construción dunha rotonda en Guillarei na intersección entre a N-550 e o ramal que da acceso á A-55, a altura do Hotel Alfonso I, en Tui. A actuación suporá un investimento de 357.858 euros, financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
Trátase dunha infraestrutura longamente demandada que redundará nunha mellora da seguridade vial na zona, tanto para peóns coma para o tráfico rodado, nun punto no que se teñen rexistrado numerosos accidentes de diversa gravidade.
Mellora do acceso a Areeiros
Por outra banda, o Concello de Tui vén de licitar as obras de acceso á praia de Areeiros, en Guillarei, por importe de 191.436 euros, que serán financiados tamén co Plan Concellos 2020. Esta actuación mellorará as condicións do vial de acceso a un dos enclaves naturais do municipio máis visitados.