Editarao Galaxia, cuxo director, Francisco Castro, se reuniu coa a alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, para abordar un gran proxecto editorial con Mos e o seu emblema heráldico como protagonistas
Trátase de “O libro da rosa”, no que Galaxia xa está a traballar e que se presentará con motivo da Festa da Rosa do vindeiro ano 2022. Será o 4º título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”; e agora sairá á luz “O libro da música”, programado para 2020 pero cuxo lanzamento se viu truncado pola pandemia da COVID-19.
O anuncio de “O libro da rosa” chega precisamente a unha semana da celebración do día grande da Festa da Rosa, o 13 de xuño. Festividade que este ano foi suspendida (agás o acto institucional do Día da Rosa) por mor do nivel máximo de incidencia que afectou a Mos nos últimos días.
Esta boa nova trae á localidade mosense un sopro de aire fresco e a esperanza de que a Festa da Rosa do ano que vén poderase vivir xa por fin, de novo, con normalidade, e por todo o alto, presentando un libro de Galaxia co símbolo mosense por antonomasia como protagonista.
A editorial atópase en busca dos 10 autores e autoras galegos/as (5 mulleres e 5 homes), ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma, que asinen “O libro da rosa” coa súa autoría.
O formato de “O libro da rosa” será un volume de 135 por 210 mm e 112 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas.
As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, declaráronse “agradecidas a Galaxia e ó seu director, Francisco Castro, por contar con Mos para formar parte desta fermosísima iniciativa; así como orgullosísimas de que o noso Concello forme parte dela co seu maior emblema, a rosa, e que ademais o libro poida ser presentado con motivo da Festa da Rosa do ano que ven e anunciado na Festa da Rosa deste ano, unha ledicia para paliar a tristura coa que vivimos nesta ocasión a suspensión da programación de actividades da presente edición pola COVID-19”.