A función é coordinar o seguimento na utilización dos robots cirúrxicos.
O Edificio Administrativo do Servizo Galego de Saúde acolleu, no día de hoxe, a reunión de constitución do Comité Clínico de Cirurxía Robótica de Galicia. A implantación da cirurxía robótica en Galicia supón un avance no acceso á cirurxía laparoscópica de primeiro nivel en todo o territorio galego. Galicia dotarase de 7 robots cirúrxicos, o que situará á nosa comunidade como unha das máis avanzadas a nivel tecnolóxico dentro do territorio nacional.
A reunión de hoxe, na que participaron telematicamente representantes das sete áreas sanitarias, estivo presidida polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e contou, así mesmo, coa presenza da directora xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro Bello.
A creación do comité clínico multidisciplinar de cirurxía robótica, de carácter consultivo, ten por obxectivo coordinar e realizar o seguimento na utilización dos robots cirúrxicos en Galicia. Nel estarán representadas todas as áreas sanitarias.
O comité estará composto polos directores xerais de Asistencia Sanitaria e Recursos Humanos do Sergas; tres persoas funcionarias de ambas direccións xerais; un representante da organización cirúrxica de cada área sanitaria; un representante de cada un dos catro grupos de traballo (cirurxía xeral, xinecoloxía, uroloxía e otorrinolaringoloxía); así como un representante de enfermería.
Beneficios para pacientes e profesionais
Os sistemas robóticos son aparatos concibidos coa finalidade de axudar e mellorar a destreza e capacidade cirúrxica na cirurxía laparoscópica. O aumento e a mellora da destreza permiten ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, serían imposibles nalgúns casos. Entendese a cirurxía robótica como o nivel mais avanzado da cirurxía minimamente invasiva.
Os beneficios derivados da utilización dos sistemas cirúrxicos robotizados para os pacientes inclúen unha maior seguridade e calidade, diminución da morbimortalidade, menor perda sanguínea, diminución de estancia media no centro hospitalario, incisións máis pequenas, menor dor postoperatoria, e unha reincorporación máis rápida á vida ordinaria.
Para os profesionais, as vantaxes máis sinalables son a diminución da dificultade cirúrxica, unha maior precisión, a posibilidadade de acceso a zonas complexas, unha excelente visualización e unha maior precisión nos movementos. En canto aos hospitais, as melloras proporcionadas polos sistemas Da Vinci tradúcense na realización dun menor número de transfusións, menor tempo operatorio, menor estancia media dos doentes, e menor número de complicacións intraoperatorias e post operatorias.
O Servizo Galego de Saúde vén de adquirir 7 robots cirúrxicos a situar en cada un dos hospitais de referencia das 7 áreas sanitarias, de forma que se dotará a cada área sanitaria da última tecnoloxía en robots cirúrxicos.
É intencion do Servizo Galego de Saúde que a primeira intervención se realice este verán e de forma simultánea nas sete Áreas Sanitarias de Galicia.