Ámbalas dúas localidades lucirán con moito cor e recendo na mañá deste domingo de Corpus
Con moita precaución e cumprindo todas as medidas de seguridade vilas da bisbarra como Gondomar e A Guarda, ademais da vila do Corpus por excelencia (Ponteareas) e tamén Redondela, non quixeron que a COVID-19 se levara por diante un ano máis as alfombras florais para celebrar o Corpus Christi. É así que moitas das rúas da comarca amencerán mañá cubertas por tapices de flores. Non será como de costume, e, na gran maioría, os quilómetros reduciranse a metros, e unha longa noite quedará limitada a unhas cantas horas ao amencer, pero todo sexa por volver recuperar e non renunciar a esta tradición
Gondomar
Veciños de Gondomar traballan arreo dende fai días na casa parroquial para ter todo a punto para o domingo. Localizar e xuntar todo o material preciso, esfollar pero, sobre todo pasar un bo rato. Porque así o consideran gran parte destes alfombristas que a punto están de rematar dez días de traballo, risas e convivencia entre veciños. Gardando distancia e con máscara de protección, como así se recolle nos protocolos de prevención da COVID-19, este grupo de veciños comezará sobre as 6 da mañá a cubrir o chan con pétalos e o resto de materiais verdes e naturais para confeccionar os tapices á porta da igrexa, como xa se fixera o pasado ano a pesar da pandemia.
A Guarda
Ante a imposibilidade de realizar as tradicionais alfombras florais como todos as coñecemos e continuando coa proposta do 2020 “Fai a túa alfombra floral na casa”, este ano na Guarda trasladan os tapices das casas ás prazas da vila.
Un cento de persoas, divididas en grupos, realizarán este domingo, a partir das 09.00 horas, un total de 17 alfombras en 12 emprazamentos do casco urbano: Praza da Guía, Praza dos Porcos, Praza de Santo Tomás, Igrexa Parroquial, Praza de San Marcos-Praza do Reló, Fonte da Ponte, Convento de San Bieito-Rúa do tío Binito-Auditorio de San Bieito, Praza do Monte Real, Praza Nova, Praza do As de Copas, Pirún e Praza de San Queitano.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda animou a reunirse entre amigos, familiares ou veciños (en grupos de 6 persoas como máximo) para participar desta iniciativa que terá unha única temática común polo que respecta ao deseño, que é “A Guarda: Camiño da Costa, Camiño das flores” con motivo de ser este 2021 ano Xacobeo.
Os materiais a utilizar son a libre elección dos participantes pero sen dúbida non faltarán as flores de diferentes tipos, a mimosa, o buxo, sementes diversas, sal, palla, cunchas ou café.