Foi acordado por unanimidade no pleno da corporación municipal a proposta da Alcaldía
Na sesión celebrada esta mañá aprobouse a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do imposto de bens inmobles (IBI) marcando o tipo nun 0,40%, no lugar do 0,50% existente ata o de agora. A proposta da Alcaldía presentouse para tratar de compensar dalgún xeito o impacto que poida ter na economía da veciñanza a revisión que catastro está a levar a cabo nos Concellos de Salceda de Caselas, Bueu, O Porriño e Mos.
O equipo de goberno apoiou a modificación da ordenanza a pesares dos informes desfavorables de intervención e tesourería, consciente de que a revisión da Dirección Xeral de Catastro chega nun dos peores momentos, en medio da crise sanitaria máis importante das últimas décadas, que está a supoñer tamén unha importante crise económica. “A pesares de que tanto a veciñanza como toda a corporación sabíamos que a revisión catastral chegaría en calquera momento, o certo é que acontece no peor momento posible, polo que dende o Concello facemos un esforzo por minimizar ese impacto económico con esta baixada do tipo ao mínimo que nos permite a lei”, destacou a alcaldesa, Loli Castiñeira.
Bonificacións
O equipo de goberno traballa tamén na liña de poder realizar bonificacións ás persoas e familias máis desfavorecidas, coincidindo en que o máis xusto ante estes cambios é ofrecer beneficios fiscais a aquelas persoas que máis o precisan baseándose na situación socioeconómica da veciñanza para o cal o departamento de servizos sociais xa emitiu o informe que está a servir como base do traballo desta nova modificación da ordenanza.
Esta medida ven a completar as demais iniciativas que se levaron a cabo dende o Concello de Salceda de Caselas para axudar á veciñanza, na medida do posible, a afrontar este proceso de regularización que de xeito unilateral iniciou o Ministerio de Hacienda, e que supuxo a emisión de máis de 15.500 notificacións á veciñanza de Salceda.
Parcelas consideradas urbanas en núcleos rurais
O goberno municipal estudia tamén co departamento xurídico o xeito de solucionar un dos maiores problemas que presenta esta revisión, que é o das parcelas que se consideran urbanas nos núcleos rurais dende o 1997 coa aprobación das normas subsidiarias vixentes, e que na realidade non reúnen os requisitos para edificar. Nestes casos dende catastro aplícase un coeficiente redutor que vai dende o 0,6 ata o 0,8 dependendo das características das parcelas, pero o equipo de goberno considera que estas parcelas, mal definidas nas normas subsidiarias, deberían quedar fora desta regularización.
Lucía Pereira, concelleira de Facenda sinala que “esta baixada do IBI supón unha importante diminución nos ingresos do Concello, mais neste momento consideramos fundamental axudar á veciñanza aínda en detrimento da facenda municipal”. Pola súa banda, a alcaldes asegura que “hai moitas formas de facer política. Uns optan por facer populismo e balbordo, xerar crispación e vender falsas solucións. Nós apostamos por aceptar a realidade e poñernos a traballar, xestionando cinco medidas de apoio á veciñanza para minimizar o impacto desta revisión do Ministerio de Hacienda”.