O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na pandemia vén de xuntarse este martes.
Sanidade decide manter o nivel máximo de restricións no concello de Mos. Así que aínda non é posible nin entrar nin saír do municipio agás por causas xustificadas e a hostalería permanecerá pechada ao completo. Igualmente, as medidas do nivel medio rexerán en Ponteareas ao igual que ata o de agora.
No nivel máximo tamén continúa a Pobra do Caramiñal e sae o municipio de Lobios.
Así mesmo, o comité tamén determinou o nivel alto de restricións nos municipios de Ordes e Viveiro.
Pola súa banda, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento, amáis de Ponteareas, nos concellos de Moraña, Cenlle, Lobios, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos.
No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 5 de xuño.
O SERGAS detecta dous positivos nos cribados de Mos
A Área Sanitaria de Vigo vén de informar que o SERGAS detectou dúas persoas asintómaticas en COVID-19 no cribado que realizaron as sanitarias o sábado no Leroy Merlín de Mos. En total, foron 263 as persoas as que se lles realizou unha PCR. Tamén fixeron probas de deteción do virus no supermercado Gadis da localidade mais ningún dos 200 veciños e veciñas que acudiron ao centro deu positivo.