lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoUn centenar de pilotos danse cita en Tui para unha proba de...

Un centenar de pilotos danse cita en Tui para unha proba de Enduro

Celebrarase este domingo nas parroquias tudenses de Randufe, Malvas e Pexegueiro.

Máis dun centenar de pilotos participará este domingo, 30 de maio, no XI Enduro Cidade de Tui e Trofeo Ibérico Eurocidade, organizado polo Motoclub Randufe e o Motoclub A Peroxa.

Esta competición, que forma parte do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença, foi presentada na casa do concello polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Mario Rui Oliveira, o presidente e vicepresidente do Motoclub Randufe Adolfo Pereira e Andrés Urseira, e o presidente do Motoclub A Peroxa e representante da Liga Galega de Moto de Campo, Javier Quintas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a gratitude do concello “polo esforzo que implica organizar un evento coma este”. Engadía que esta proba “enriquece o calendario deportivo da Eurocidade, e da contido a este proxecto”. Asumiu amais publicamente o compromiso de saldar a débeda que teñen co Motoclub Randufe para poder materializar urbanisticamente o circuíto en Randufe.

Pola súa banda, o presidente do Motoclub Randufe, Adolfo Pereira, salientou que o Enduro Cidade de Tui é a proba máis veterana deste deporte que se celebra en Galicia. Explicou que constará dun percorrido de 34 quilómetros polas parroquias de Randufe, Malvas e Pexegueiro, e contará con dous tramos cronometrados en Randufe e Chan da Misuela. Pola súa parte o vicepresidente do Club, Andrés Urseira, agradeceu que esta competición forma parte do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença. Sinalou o “efecto turístico e difusor da Eurocidade” que ten esta proba, indicando que vivir na Eurocidade é unha fortaleza que temos que aproveitar.

As condicións actuais coas limitacións derivadas da pandemia provocan que este ano non se poida chegar á cifra de 300 participantes doutras edicións, pero si haberá máis dun centenar en competición entre os que estarán os galegos Pedro Gonzalo ou Enrique Vega, e posiblemente tamén participe Sergio Navarro, actual campión do Mundo junior.

O parque pechado estará situado en Chan do Carrasco. Os pilotos tomarán a saída, cunha diferenza dun minuto, a partir das 11 h. Estímase que os primeiros poderán chegar a Malvas sobre as 12 h. A categoría senior realizará tres voltas ao circuíto até completar 126 quilómetros. Haberá dous tramos cronometrados. O público, con todas as medidas de seguridade, poderá ver a proba en Randufe ou Malvas, e tamén na estrada Tui-Gondomar.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS