O comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia da COVID-19 reunirase hoxe ás 18.00 horas e, dada a boa evolución epidemiolóxica de Galicia, todo indica que aceptará avanzar na desescalada, con máis liberdade no ocio ao aire libre e no número de persoas reunidas.
Até a noitiña non se saberá a decisión pero polo que leva adiantado o presidende da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nas últimas declaracións aos medios, sobre a mesa do comité clínico está dar novos pasos na desescalada tras case vinte días do fin do toque de queda e do estado de alarma; tendo en conta a estabilidade e incluso tendencia á baixa da incidencia do coronavirus en Galicia.
Actualmente, as reunións de persoas non conviventes están limitadas a 6 ao aire libre e a 4, en interior, pero todo parece indicar que se ampliarán esas cifras.
Igualmente, a previsión é que se relaxen as restricións actuais do ocio ao aire libre. Lembremos que actualmente están prohibidas as festas, verbenas e eventos populares varios. Mentres que están permitidos os mercados e as atraccións de feira, aínda que con limitacións de ocupación de número de postos.