O 23 de maio de 2018 pasou á historia do Concello de Tui pola tráxica explosión de material pirotécnico que arrasou o barrio de A Torre, en Paramos.
A catástrofe segou a vida de Abdelkhalek e Ezzoura, un matrimonio que deixou orfos a dous menores de idade. Outras 37 persoas resultaron feridas e 31 familias perderon as súas vivendas.
Hoxe, tres anos despois, os veciños da Torre tentan recuperar as súas vidas, malia que aínda queda algunha conta pendente.
Por exemplo o pago dalgunhas axudas municipais; de dous subvencións de industria da Xunta e do desentullo, que adiantou o Concello, pero que se comprometeu a pagar o Estado.
Dende o Concello defenden que a tramitación dos expedientes das axudas están todas ao día e que as que faltan por pagar están xudicializadas porque os afectados reclamaron máis cartos. Dolores e Pablo, un matrimonio xubilado que perdeu os recordos de toda unha vida, é unha desas familias que aínda agarda polo cobro das axudas municipais para decidir se seguen adiante coas obras de reconstrución.
Ao marxe destes casos, a maioría dos afectados xa completaron, ou están a piques de rematar, a reconstrución das súas vivendas. Pero, os veciños que volven ao barrio da Torre non o fan do mesmo xeito que fai tres anos. Dende as súas fiestras e balcóns, onde antes había vida, agora ven os restos da destrución.
Outro asunto pendente é causa xudicial, á espera da apertura do xuízo oral. A pesar dos intentos da Asociación de Afectados para que o Xuzgado investigase ao Estado pola non vixilancia dos materiais explosivos almacenados na Torre, polo momento, o dono do almacén ilegal que explotou, Francisco González Lameiro, é o único imputado.