Xunto coa gastronomía e as festas de interese turístico, centraron a presentación do Xeodestino Condado Paradanta en Fitur.
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta vén de presentar o Xeodestino Condado Paradanta na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se está a celebrar en Madrid. Trátase do terceiro ano que esta agrupación (que engloba a dez concellos (Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas) está presente no stand de Galicia.
Nesta ocasión dende o GDR apostouse polo turismo deportivo, presentado o centro de BTT e o circuíto de trail, sen descoidar tampouco e facendo mención á oferta gastronómica e ás festas de interese turístico coas que conta o territorio, ademais de dar a coñecer o recentemente lanzado Pasaporte ao Condado Paradanta, un novo produto turístico, singular e único en Galicia que permite aos seus usuarios acceder a unha coidada selección de 24 propostas exclusivas en empresas turísticas da zona.
E para remarcar esa aposta polo turismo deportivo, quen mellor que dous persoeiros destacados do sector para ser embaixadores do Xeodestino Condado Paradanta en Madrid. O xornalistas Terio Carrera e a que foi campioa de España de BTT, Eva Castro, foron os encargados de facer a presentación do xeodestino, que estivo representado pola alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez.
Recoñecemento ao compromiso de calidade turística
E tamén en Fitur, na mesma xornada que tivo lugar a presentación deste xeodestino, a Secretaría de Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias, outorgáronlle ao destino Terras do Condado A Paradanta o diploma de recoñecemento ao compromiso para a mellora continua da calidade turística española e ao esforzo para a implantación do Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTEC).