Mos vén de presentar unha nova edición deste festival infantil organizado polas Maimiñas (Mai e Miña, Lucía Lago e Irene Álvarez) e Reviravolta Produccións
Patrocinado polo Concello de Mos e a Xunta de Galicia, e coa colaboración da Fundación Pazo de Mos, celebrarase o domingo 30 de maio no Pazo; contando coa actuación matutina, ás 12.30 horas, de As Maimiñas e, pola tarde, concerto de Xoan Curiel ás 19.00 horas e actuación do grupo Animar-T.
A asistencia é gratuíta pero é preciso inscribirse
A asistencia como público é totalmente de balde pero require de inscrición previa para poder garantir todos os protocolos e medidas anti COVID-19. As persoas interesadas en asistir deben escribir un correo electrónico ao enderezo as.maiminas@gmail.com no que indiquen nome, apelidos e número de teléfono móbil, así como o concerto e/ou concertos aos que se quere asistir e o número de persoas asistentes. Para finalizar o procedemento, os inscritos recibirán no seu correo electrónico a pertinente invitación para poder acceder ao evento.
Tanto Maimiñas como a alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, declaráronse “moi contentas e satisfeitas de retomar un ano máis o Musicando Canto Conto, tras non poder celebrarse o ano pasado por mor da crise sanitaria”. Un festival que definiron como “xa moi consolidado no Concello de Mos e unha alternativa cultural e de ocio ideal para as familias”. Así mesmo destacaron “a importancia de retomar a cultura segura nestes tempos de nova normalidade e de saber adaptar o ocio e a música ás novas circunstancias para garantir a tranquilidade e desfrute de público e artistas”. Rexedora local e concelleira concluíron salientando que a mosense “é unha administración comprometida cos sectores que peor o están a pasar por mor desta pandemia, sendo un deles o musical e do espectáculo, e concienciada coas necesidades de lecer da cidadanía para garantir a calidade de vida dos e das veciños e veciñas de Mos. É por elo que, con este tipo de iniciativas, contribuímos a recuperación dun sector damnificado ao tempo que retomamos certa normalidade na vida e no ocio da veciñanza, sempre cumprindo escrupulosamente todas as medidas sanitarias. Con música cultura e diversión xuntas en Musicando no Canto Conto”.
Lucía Lago, Mai das Maimiñas:
Irene Álvarez, Miña das Maimiñas: