O Comité Clínico vén de aumentar as restricións no concello de Mos pola súa evolución epidemiolóxica: prohibido o consumo no interior dos locais
Os hostaleiros e as hostaleiras de Mos non poderán atender á clientela no interior dos locais a partir do vindeiro sábado 22 de maio. Amáis, o aforamento nas terrazas reducirase ata a metade da capacidade. O municipio sitúase, así, no nivel alto de restricións xunto a Cambados, Vilanova de Arousa, Moraña, Ponte Caldelas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Oleiros.
Pola súa banda,Salceda de Caselas continúa no nivel medio de restricións do que saen os concellos de Gondomar e de Tomiño. Deste xeito, os aforamentos na hostalería destes dous últimos municipios pasan ao 50% no interior dos locais e do 75% no exterior.
A mobilidade continúa sendo plena en toda a comunidade agás nos concellos nos que rexen as máximas restricións, que neste caso é o de Lobios.
O comité tamén acordou permitir as ceas ata a unha da madrugada nos locais de hostalería, independentemente de se teñen licenza ou non de restaurante. Polo tanto, os locais que dean ceas, poden dalas nas mesmas condicións que os restaurantes, segundo traslada Sanidade.