As persoas hospitalizadas en Galicia pola COVID-19 baixan a niveis de agosto. Hai actualmente 162 persoas ingresadas contaxiadas de coronavirus e delas 38 están na UCI. Baixan os casos activos a 2.744, a pesar de que subiron os positivos en Santiago, Pontevedra e Ferrol.
Os hospitais están actualmente a niveis do 31 de agosto no que a pacientes COVID se refire. Na UCI hai 38 persoas, unha máis que na última xornada, pero en planta son 124 os ingresados, tras abandonar o hospital 15 persoas na última xornada.
Os casos activos tamén descenderon en Galicia a 2.744, son 61 menos que un día antes.
Soben os positivos nas áreas de Santiago e Pontevedra, que se manteñen a idéntico nivel, e tamén soben en Ferrol. No resto de áreas, baixan.
Á cabeza continúa a área viguesa:
Vigo: 817 (-26)
A Coruña: 598 (-7)
Santiago: 443 (+8)
Pontevedra: 443 (+8)
Ourense: 221 (-2)
Lugo: 169 (-10)
Ferrol: 84 (+3)
Na última xornada o Sergas notificou catro novos decesos, elevando o total de falecidos desde o inicio da pandemia a 2.409 en Galicia.