O SERGAS notifica 16 novos positivos en COVID-19 no concello de Mos, cinco máis que onte e volven os casos ao municipio de Baiona.
Segundo a última actualización de Sanidade, a incidencia aumenta no concello de Mos ata rexistrar entre 75 e 125 positivos en COVID-19 por 100.000 habitantes nunha semana e os casos volven a Baiona logo de dous días nos que o virus deixara de circular en 7 días.
Mos conta con 16 novos positivos nunha semana, cinco máis que onte. Deste xeito, a incidencia do concello aumenta ata máis de 75 casos por 100.000 habitantes nunha semana, a mesma que mantén Salceda de Caselas e Crecente, cun abano de 1-9 contaxios cadanseu.
En Baiona, pola súa banda, volven os casos en COVID-19 logo de dúas xornadas no que o virus deixara de ter presenza en 7 días. Con todo, segue na incidencia máis baixa que contempla Sanidade ao contar con menos de 10 positivos por 100.000 habitantes nunha semana ao non superar os 9 casos.
Os demais concellos das comarcas manteñen a súa situación epidemiolóxica con respecto á anterior actualización do SERGAS. A Guarda, O Rosal, Tomiño, Gondomar, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, A Cañiza, As Neves, Ponteareas e Pazos de Borbén sitúanse entre os 25 e os 75 positivos por 100.000 habitantes nunha semana. Só Vigo con 194 (+7), Redondela con 17 (-2), Ponteareas e Nigrán con 11 cadanseu superan o abano dos 1-9 positivos entre a veciñanza.
Nunha mellor situación atópanse os concellos de Salvaterra de Miño, Mondariz e O Porriño pois non superan os 25 positivos por 100.000 habiantes nunha semana e tampouco o abano do 1-9 contaxios. Cómpre lembrar que Mondariz era un dos concellos no que o virus deixara de ciruclar, con todo, volveu ter presenza esta fin de semana.
En Fornelos de Montes non hai casos en COVID-19 nunha semana mais si en dúas polo que aínda non é posible incluílos na listaxe dos concellos libres do virus como si o están Oia, Mondariz-Balneario, Covelo e Arbo.
Falece un home de 74 anos con COVID na Área de Vigo
Sanidade notifica o falecemento dun home de 74 anos, que presentaba patoloxías previas, con COVID-19 na Área Sanitaria de Vigo o día 16 de maio. Deste xeito, son xa 432 as persoas que perderon a vida co virus dende o inicio da pandemia na área.
Aumentan os casos activos con respecto a onte ata os 843. Isto é, 15 máis que na anterior xornada. En camas convencionais son 40 pacientes ingresados por mor da COVID-19, tres máis, e 10 en Unidades de Coidados Intensivos, un menos.
A área Sanitaria de Vigo continúa como a que máis casos activos rexistra do conxunto de Galicia. Séguelle a da Coruña con 605.