jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsComarcasZona Franca reúnese con representantes do sector para definir o Centro de...

Zona Franca reúnese con representantes do sector para definir o Centro de Servizos ao Transporte

Zona Franca reúne a asociacións empresariais, de transportistas e de loxística, empresas e sindicatos para definir o Centro de Servizos ao Transporte.

 

O Consorcio da Zona Franca vén de identificar posibles localizacións para o Centro de Servizos ao Transporte na área de Vigo, todas elas ligadas aos principais eixos viarios da área, e inicia a fase de definir o proxecto. Para iso o Consorcio puxo en marcha esta semana unha rolda de contactos con representantes do sector e reuniu, en diferentes encontros, a unha ducia de asociacións empresariais, de transportistas e de loxística, empresas, sindicatos e parques empresariais para coñecer as necesidades do sector de transporte e loxística para un centro que viñeron demandando nas últimas décadas.

Os seguintes fitos do proxecto, unha vez que se defina o tipo de parque que se acometerá e cales serán os seus servizos, serán o proxecto sectorial e a construción.

O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, lembrou que “o Centro de Servizos ao Transporte é unha infraestrutura demandada durante décadas polo sector, pero que ata o de agora non se concretou. Agora si está en marcha”, subliñou. Neste sentido destacou que “Vigo e a súa área necesita unha infraestrutura que permita non só o aparcamento vixiado dos vehículos en tránsito, senón tamén o servizo ao vehículo e á súa tripulación, así que o principal obxectivo do proxecto é satisfacer a demanda dun complexo de infraestruturas e servizos loxísticos que contribúa a ordenar o sector de transporte de mercadorías e mellorar a súa competitividade e á vez eliminar o aparcamento indiscriminado de vehículos pesados”.

Nas reunións internas de traballo para presentar o proxecto, os representantes do sector mostraron o seu apoio a unha iniciativa que levan 20 anos esperando e que agora conta xa con orzamento e un ente tractor, Zona Franca. Á reunión inicial seguirán máis encontros de traballo para ir axustando todas as demandas e coa máxima participación.

O sector de transporte público de mercadorías por estrada ten un peso importante na economía da provincia de Pontevedra con máis de 4.200 empregados e un peso no Valor Engadido Bruto ( VAB) provincial é de 2,45%.

O proxecto de Centro de Servizos ao Transporte do Consorcio baralla un espazo que permita aloxar entre 200 e 500 prazas de aparcamento e que podería contar con varias zonas diferenciadas. Entre elas estaría unha zona de servizos xerais aos vehículos, como gasolineira e talleres, e ás persoas, como restauración ou salas de descanso e mesmo hotel, e podería incluír tamén un centro de contratación de cargas e servizos aduaneiros. Outra zona sería a de usos loxísticos; así como outra zona de servizos centrais, con instalacións de xestión do propio centro. Finalmente podería albergar tamén unha zona de servizos especializados, por exemplo, para mercadorías perigosas.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo identificara inicialmente tres áreas, situadas xunto á avenida Campoamor, outra próxima á A-55 e AP-9 en Porriño e unha terceira xunto á A-52 tamén en Porriño. Con todo, para tomar unha decisión ben fundada para a implantación deste proxecto, encargou a especialistas unha análise pormenorizada de posibles áreas que puidesen ser consideradas como alternativas. Os técnicos avaliaron as mellores localizacións na área e tamén a súa viabilidade económica e técnica. Unha vez definida a localización procederase á redacción do proxecto sectorial e execución das obras.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS