Trátase dun dos últimos proxectos avalados polo GDR Condado Paradanta.
Máis de 170.000 euros e 5 postos de traballo son as cifras dun dos últimos proxectos avalados polo GDR Condado Paradanta.
Un hotel cheo de historia no rural galego. Un lugar máxico e encantador. Así é como presentan os irmáns Jose e Maite Rodríguez Espiñeira o seu proxecto empresarial en Paraños (Covelo) inaugurado este venres oficialmente cun acto ao que asistiron o conselleiro de Medio Rural, José González; o deputado provincial de Cooperación cós Concellos e Asistencia Intermunicipal, Santos Héctor Rodríguez; a deputada provincial de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana Mª Mejías; e o presidente do GDR Condado Paradanta e alcalde de Covelo, Pablo Castillo; os seus homólogos da comarca e representantes do tecido socioeconómico do territorio.
Hotel La Rectoral foi un dos beneficiarios do Programa Leader Galicia, na convocatoria 2019-2020, cunha achega económica de 172.157,60 euros. Un proxecto cuxa posta en marcha supuxo ademais a creación dun novo posto de traballo e a consolidación doutros catro. Dende a asociación de desenvolvemento económico GDR Condado Paradanta, como entidade xestora destas subvencións, animan “ao tecido socioeconómico do territorio a coñecer o Programa Leader posto que poden ser beneficiarios, ademais de axudas de directas, de proxecto de formación e dinamización”, sinala Paco González, xerente do GDR. Neste senso, lembra que actualmente está aberto o prazo, ata o 3 de xuño, da solicitude de axudas da convocatoria 21-22.
Máis de 3 millóns de euros para 35 promotores
No Programa Leader 2017-2020 destináronse máis de 3 millóns de euros para pór en marcha diferentes iniciativas, tanto privadas como públicas. 35 promotores foron os beneficiarios destas axudas e desde o GDR puxéronse en marcha unha decena de proxectos de formación e 15 de dinamización.
O Leader e o GDR
O LEADER (Ligazóns Entre as Actividades de Desenvolvemento da Economía Rural) é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se executa coa finalidade de descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que cada territorio rural convértase en protagonista do seu propio desenvolvemento.
Cada grupo conta cunha estrutura técnica que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción con fin de acomodar a estratexia deseñada ao seu territorio, co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao abeiro do programa.
É o propio GDR quen se encarga de analizar e valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda partindo duns criterios predefinidos e coñecidos publicamente. A decisión trasládase a AGADER que, logo de revisar que a atribución do GDR se axusta á normativa, resolve a concesión da axuda.
«Un proxecto que garante a sustentabilidade da actividade no rural»
O conselleiro, José González, destacou que este hotel é unha mostra deste tipo de proxectos produtivos, que ademais cumpre cos obxectivos da medida Leader, xa que dota á zona de servizos que redundan na creación de emprego e garanten a sustentabilidade da actividade no rural. Ademais, asegurou, este tipo de hotel favorece a utilización dos recursos naturais e permite abrir un abano de posibilidades para os amantes da natureza e dos animais en xeral nun concello de longa tradición turística como é Covelo.
Así mesmo, o conselleiro sinalou que este tipo de proxectos son os que se están a rexistrar con motivo da convocatoria de Manifestación de Interese de proxectos autonómicos do sector primario e agroalimentario galego, e doutros interesados neste eido.
Neste senso, José González lembrou que hoxe mesmo remata o prazo para que as pequenas e medianas empresas e outros interesados que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central, presenten as súas iniciativas.