sábado, noviembre 23, 2024
InicioNewsO País"Os fondos europeos son unha oportunidade para modernizar a economía"

«Os fondos europeos son unha oportunidade para modernizar a economía»

O presidente, Núñez Feijóo, trasladoulle á vicepresidenta, Nadia Calviño, a oportunidade dos fondos Next Generatio para modernizar a economía e contribuir a paliar os efectos da crise industrial e da transición enerxética.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe á vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para modernizar a economía e contribuír a paliar os efectos da crise industrial e da transición enerxética.

“Tivemos unha xuntanza dous galegos para analizar a situación económica e industrial de Galicia”, dixo, incidindo en que a reconstrución económica do país pasa por que se financien as mellores iniciativas, con independencia dos territorios que os propoñen e de determinados intereses políticos. “Non pode haber ningún outro criterio de selección que non sexa o de elixir proxectos solidamente construídos, que traian financiamento privado e que supoñan a creación de emprego con vocación de permanencia”, aseverou, apelando aos principios de concorrencia competitiva, solvencia e de investimento privado.

Nesta liña, trasladou os detalles da candidatura galega aos fondos europeos, integrada por máis de 300 iniciativas que totalizan un investimento de 20.000 millóns. Todos eles proxectos sólidos, vinculados á economía circular e cos sectores estratéxicos galegos, entre os que destacou: a construción dunha fábrica de fibras téxtiles, o proxecto da automoción AutoAncora, iniciativas relacionadas co agro-mar-industria ou a biotecnoloxía, así como proxectos públicos relacionados coa sanidade ou co sector das tecnoloxías.

Un Pacto de Estado pola comarca de Ferrol

No contexto da crise industrial que atravesa Galicia e que está a poñer en perigo 16.000 postos de traballo en sectores clave como o electrointensivo, o enerxético, o forestal ou a cadea mar-industria, Feijóo recalcou que a Xunta non comparte as decisións do Goberno central que conducen a unha transición enerxética e ambiental abrupta.

Unhas decisións, recordou, que están afectando especialmente á comarca de Ferrol, Eume e Ortegal, co peche da central térmica de As Pontes e de Siemens-Gamesa, así como a falta de carga de traballo nos estaleiros de Navantia, con 1.800 empregos perdidos nos últimos meses.

Sobre este punto, Feijóo propuxo á vicepresidenta segunda un Pacto de Estado entre todas as administracións -Goberno de España, Deputación da Coruña, concellos e Xunta-, co obxectivo de buscar carga de traballo para Navantia e o desenvolvemento de proxectos Next Generation en distintos emprazamentos da comarca.

Por último, o presidente da Xunta referiuse ao eido tecnolóxico como terceiro piar da xuntanza, na que expuxo como obxectivo prioritario chegar a unha velocidade de conexión de 100 megas ao 100% do territorio galego. Ademais de valorar a disposición do Ministerio para analizar conxuntamente os proxectos nos que a Administración autonómica está a traballar en materia de transformación dixital.

En relación ao Xacobeo 21-22, Feijóo reiterou a necesidade de que os Orzamentos Xerais do Estado inclúan unha partida específica para unha celebración que implica a Galicia, pero tamén a toda España. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS