Trátase dos tres primeiros casos da variante india do coronavirus en Galicia.
O servizo de microbioloxía do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo vén de confirmar a variante india en tres das 5 mostras da COVID-19 da tripulación do buque atracado en Vigo con bandeira de Singapur.
Trátase da variante B1.627 subvariante 2, «que é sensible á vacina», segundo informan dende o SERGAS. Isto quere dicir que as vacinas das que se dispoñen actualmente para facer fronte ao virus son efectivas tamén contra esta variante do coronavirus.
Sanidade califica ao gromo que afecta á tripulación do barco como «localizado e controlado» e informa de que os dous mariñeiros que están hospitalizados no hospital Vithas Fátima de Vigo permanecen estables.
Estos tres casos positivos en COVID-19 coa variante da india son os primeiros que se confirman en Galicia.
Tripulantes confinados no porto de Vigo
O gromo afecta a 22 tripulantes do buque que chegou a Vigo o luns, con bandeira de Singapur, para realizar unha operación de carga, que quedou paralizada ao detectarse os casos en COVID-19. Os mariñeiros permanecen confinados dentro do barco no porto da cidade olívica.
Sanidade estudou cinco mostras sospeitosas de pertencer á variante india do coronavirus. Tres delas deron positivo, tal e como vén de confirmar o Servizo Galego de Saúde.
Son os primeiros casos en Galicia e a primeira vez que se confirma en España a presenza desta variante.