O Concello de Tui destina 238.686,86 euros á segunda liña de axudas Reactiva Tui dirixida a persoas autónomas e microempresas do municipio.
Deste total, 190 mil euros están financiados con fondos propios e 48.686,886 a través da cantidade adicional da liña 2 do Plan Concellos da Deputación.
As bases reguladoras desta segunda liña de axudas Reactiva Tui foron aprobadas por unanimidade en pleno, o pasado 25 de marzo, dentro do Plan de Reactivación económica local.
Tratase de axudas dirixidas aos establecementos comerciais, hostaleiros e demais negocios da cidade afectados polo peche perimetral, que mantivo ao Concello de Tui illado durante máis de 100 días, así como polas restricións sanitarias impostas para seguir facendo fronte a pandemia. Estes establecementos deberán acreditar unha baixada de facturación no último trimestre do ano 2020 superior ao 30% respecto ao mesmo período de 2019.
As axudas de Reactiva Tui II oscilarán entre os 1.000 e os 1.500 euros. Poderanse beneficiar das mesmas persoas autónomas e microempresas de ata 10 traballadores en función da súa plantilla, co obxectivo de contribuír o mantemento da súa actividade económica e de emprego.
As solicitudes tramitaranse por rigoroso orde de entrada, tendo en conta que deben contar no momento da presentación con toda a documentación requirida. Coa experiencia adquirida tras a tramitación das axudas do primeiro Reactiva Tui modificouse o proceso de tramitación facéndoo máis sinxelo.
Cómpre lembrar que o Concello de Tui habilitou dentro do Plan de Reactivación económica local para facer fronte a pandemia máis de 1.000.000 de euros.
A Concellería de Emprego, Comercio e Igualdade informa que as persoas autónomas e empresarias que teñan dúbidas sobre o proceso de solicitude poden consultar co centro de Municipal de Formación en Guillarei no 986 60 32 28 ou no correo electrónico comercio@tui.gal. As bases desta convocatoria unha vez publicadas poderán consultarse na área de Comercio na web municipal tui.gal.