Xosé Represas vén de presentar a renuncia ao cargo de rexedor debido a un proceso de enfermidade grave.
Actualizado ás 16:45 h
Co fin de facilitar o traballo aos seus compañeiros e compañeiras de goberno, o rexedor nacionalista, Xosé Represas, decide renunciar ao cargo de alcalde de Ponteareas debido a un proceso de enfermidade grave. Un cargo que, a tamén nacionalista, Cristina Fernández Davila desempeña en funcións dende o pasado mes de decembro.O goberno local, do BNG e PSOE, desexou ao alcalde a súa recuperación e transmitíronlle o seu ánimo e o seu afecto nestes intres complicados.
Así, a formación nacionalista expresou a súa «tristura e pesar pola renuncia». Transmitiron tamén «todo o noso ánimo e alento para continuar enfrontando o seu estado de saúde coa coraxe e a forza que veu demostrando nestes meses». As e os nacionalistas de Ponteareas eloxiaron a figura de Represas ao fronte do Concello dende o ano 2015 posto que «marcou un antes e un despois» e destacaron «o seu talante dialogante e conciliador».
Represas, que encabezou as listas do BNG de Ponteareas, chegou ao mando da vila do Corpus no ano 2015 co apoio de PSOE , Riada do Tea e Eu Son.
Próxima sesión de investidura
A renuncia de Represas conleva a celebración nos vindeiros días dunha sesión de investidura para a elección do novo alcalde ou alcaldesa. Neste sentido, o grupo municipal do BNG informa nun comunicado que, durante as últimas semanas, veñen de traballar xunto con Xosé Represas no relevo «para que o proxecto político do BNG e a acción de goberno continúe con eficacia nos dous anos que restan do actual mandato». Para iso, o bloque proporá que a nova alcaldesa sexa a actual rexedora en funcións, Cristina Fernández Davila.
É esta unha candidatura que vai na liña da proposta do socio do goberno, PSOE. O grupo apunta, nunha nota de prensa, que apoiarán a Davila «para que se converta na vindeira alcaldesa de Ponteareas». No comunicado transmiten ánimo a Represas e a súa familia «nesta difícil situación».
Do mesmo xeito, explican dende o grupo socialista de Ponteareas que manterán unha xuntanza co BNG para abordar o pacto de goberno «de cara a buscar mellores sinerxias que redunden nun goberno máis cohesionado e eficaz para as veciñas e os veciños do concello». Con todo, apoian á actual alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila, para que tome o relevo de Represas ao mando da vila do Corpus.
Apoio doutros persoeiros políticos
Persoeiros políticos con actividade a nivel autonómico amosaron o seu apoio e recoñecemento a Xosé Represas. É o caso de Gonzalo Caballero, o líder dos socialistas de Galicia, quen ademáis é nado en Ponteareas. Caballero sinalou «a dedicación e vocación de servizo público no concello».
A líder do BNG, Ana Pontón, valorou a traxectoria política de Xosé Represas, quen «leva sempre a Galiza por bandeira». Cualificouno Pontón como «o mellor alcalde da historia de Ponteareas».