O paro subiu en 15.700 persoas en Galicia no primeiro trimestre de 2021, en comparación cos tres meses anteriores (+11%). Galicia acumula agora 158.300 persoas nas súas listas de desempregrados.
Un total de 15.700 galegas e galegos quedaron sen emprego nos tres primeiros meses de 2021, o que supón unha suba do 11%.
Con 158.300 parados, a taxa de desemprego é do 13%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este xoves.
Galicia é a comunidade española na que máis subiu o paro de todo o Estado, por encima de Castela e León (+9.900), o que contrasta coa caída media en España de 65.800 desempregados (-1,77%).
No primeiro trimestre destruíronse 21.200 empregos en Galicia, polo que os ocupados quedan en 1.059.800. O retroceso galego é do 1,96%, máis do dobre que no Estado (-0,71%), onde se perderon 137.500 empregos.