domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsO PaísFeijóo salienta a contribución dos 40 anos de vixencia do estatuto de...

Feijóo salienta a contribución dos 40 anos de vixencia do estatuto de autonomía á marca Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou a exposición Unha Galicia mellor: 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia, no Museo do Pobo Galego.

Núñez Feijóo salienta a contribución dos 40 anos de vixencia do Estatuto de Autonomía á marca Galicia, “unha marca de convivencia, de progreso e de liberdade”. Ao respecto, e durante a inauguración da exposición Unha Galicia mellor: 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia, no Museo do Pobo Galego, Feijóo subliñou que os datos que se aportan na mostra poden resumirse no feito de que se hai corenta anos a Galicia era unha das tres comunidades máis pobres de España, hoxe: conta cun PIB per cápita que supera o 93% da media estatal e unha renda media que chega ao 91%; pasa de 86 quilómetros de autovías a 1.398 quilómetros; duplica o número de hospitais, pasando de 14 a 28, e multiplica por sete o número de centros de saúde, ata chegar aos 398.

“O atraso queda derrogado a favor do avance, da audacia e do desenvolvemento. Da man da autonomía, Galicia puido competir e moitas veces puido gañar. E sempre o fixemos do mesmo xeito, sen soberbia nin menosprezo a ningún territorio irmán, senón uníndonos en igualdade ao concerto dos pobos de España, Europa e o mundo”, abundou. Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego incidiu en que o Estatuto é unha historia de éxito, un punto de encontro e motor de avance que se prolonga xa por catro décadas e no que cabemos todos. “Por iso, é difícil de entender a aqueles que en vez de sumarse a esta traxectoria e recoñecela, pretenden rachar con todo e excluír; algo que en vez de ao éxito, conduce irremediablemente e sempre ao fracaso”, aseverou.

“A etapa máis potente, máis aberta e de maior autoestima do pobo galego non foi consecuencia soamente de intelectuais, políticos e activistas que loitaron por facer realidade unha idea, senón sobre todo dunha unánime enerxía colectiva. Ningún galego quedou excluído da gran obra da autonomía”, recordou, facendo fincapé en que todos os galegos seguen a ser necesarios para que o logro sempre inacabado da autonomía non deteña a súa marcha.

Feijóo concluíu, deste xeito, referíndose a esta exposición como unha pequena mostra do que somos capaces: “Velaquí un recordatorio do que fomos e do que somos”, sentenciou.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS