Gondomar sitúase agora cunha incidencia que supera os 125 casos por 100.000 habitantes con 20 positivos, catro máis que onte, en 7 días
Segundo a última actualización de Sanidade, Gondomar presenta a incidencia máis alta da bisbarra, xunto con Salceda de Caselas, ao sumar catro positivos en COVID19. En total, son 20 nunha semana o que fai que o concello rexistre entre 125 e 250 contaxios por 100.000 habitantes. Sobe a presión do virus entre a veciñanza do Porriño con máis de 75 por 100.000. Mentres, baixa en Ponteareas, Tomiño e Tui.
Deste xeito,Gondomar con 20 contaxios novos en 7 días, catro máis que na xornada anterior, e Salceda de Caselas con 15, un máis que onte, presentan a incidencia máis alta da bisbarra ao superar os 125 contaxios por 100.000 habitantes. Amáis, os dous municipios achéganse á zona considerada de risco por Sanidade posto que se sitúan, coa perspectiva de dúas semanas, entre os 150 e 250 por 100.000. Sanidade vén de aumentar as restricións no municipio da Louriña coas do nivel alto mentres que Gondomar continúa coas limitacións do nivel medio.
Tui, logo de varias xornadas superando os 125 contaxios por 100.000 habitantes, rexistra agora unha incidencia entre 75 e 125 positivos por 100.000 nunha semana, unha incidencia á que sobe, nesta última actualización, O Porriño con 16 casos novos en COVID-19 en 7 días, catro máis que na xornada anterior. Coa mesma situación epidemiolóxica, atópanse os concellos de Nigrán, tamén con 16 positivos (-3) e Vigo con 259 (-3). En todos eles rexerán as medidas do nivel medio a partir do 30 de abril. Un nivel medio no que continúa a cidade olívica.
Tomiño baixa arestora dos 25 por 100.000 e sitúase, así, xunto co Rosal e Salvaterra de Miño, na segunda incidencia máis baixa que contempla Sanidade. Pola súa banda, Ponteareas rexistra agora entre 25 e 75 contaxios por 100.000 ao rexistrar 7 casos menos que onte ata os 17 nunha semana e sitúase, deste xeito, na mesma incidencia que Baiona, A Guarda, Redondela, Soutomaior, Pazos, Arbo, As Neves e Mos.
Os municipios que continúan libres do virus tanto nunha semana como a dúas son Oia, Fornelos de Montes, O Covelo, A Cañiza, Crecente, Mondariz e Mondariz-Balneario.
Máis de 900 casos positivos activos na Área Sanitaria de Vigo
Son 906 casos activos en COVID-19 na Área Sanitaria de Vigo, 12 máis que onte, segundo a última actualización do SERGAS. En canto á presión hospitalaria, son catro pacientes menos ignresados por mor do virus en camas convencionais ata os 33 e mantense en 9 as persoas que continúan nas UCI.
A Área Sanitaria de Vigo continúa como a que máis casos activos rexistra do conxunto de Galicia. Séguelle a da Coruña con 750.