Aumenta a incidencia no concello de Mos ata rexistrar máis de 25 contaxios por 100.000 habitantes, aínda que segue fóra da zona de risco.
Segundo a última actualización de Sanidade, aumenta a presión do virus entre os veciños e as veciñas de Mos ao rexistrar entre 25 e 75 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana. Con todo, non supera os 9 casos positivos en COVID-19 en 7 días e segue fóra da zona considerada de risco polo SERGAS. Cómpre sinalar que, nas anteriores xornadas, este municipio da Louriña presentaba unha das incidencias máis baixas da bisbarra. Pola súa banda, en Nigrán son tres casos máis ata existrar 19, en Gondomar aumentan en dous ata os 16 e soben ata os 12 no Porriño.
Pola contra, son tres concellos os que rexistran menos positivos con respecto aos datos de onte. En Vigo son 272, 7 menos que na anterior actualización; dous menos son en Ponteareas ao contar con 24 casos entre a súa veciñanza nunha semana e dous menos tamén en Tui con 22. Malia esta redución dos contaxios, estas localidades seguen rexistrando as incidencias máis altas da bisbarra.
Tui e Salceda de Caselas, que aumenta nun positivo con repecto a onte ata os 14, sitúanse preto da zona de risco con máis de 125 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana e, pola súa banda, Ponteareas e Vigo contan con máis de 75 casos por 100.000 xunto con Gondomar e Nigrán. Todos eles, achegándose aos 250 por 100.000 coa perspectiva de 14 días.
A boa nova vén da man do concello de Crecente no que, logo de varias xornadas no que o SERGAS non detectara ningún positivo en COVID-19 en 7 días, xa se atopa libre do virus tamén a dúas semanas polo que únese a Oia, Fornelos de Montes, A Cañiza, O Covelo, Mondariz e Mondariz-Balneario como municipios nos que o coronavirus deixou de ter presenza.
Manteñen a situación epidemiolóxica con respecto á anterior actualización de Sanidade, A Guarda, Tomiño, As Neves, Arbo, Pazos de Borbén, Soutomaior, Redondela e O Porriño con non máis de 75 positivos por 100.000 habitantes. De feito,non hai máis de 9 casos en ningún deles agás no Porriño no que o SERGAS detectou 12 contaxios, dous máis que onte.
Continúan igual que na anterior xornada O Rosal e Salvaterra de Miño nunha das incidencias máis baixas con menos de 25 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana.
O SERGAS detecta 25 positivos nos cribados da Área Sanitaria de Vigo
Sanidade vén derealizar cribados, co fin de detectar persoas asintomáticas en COVID-19, nos concellos de Gondomar, Tomiño, O Rosal, O Porriño e Vigo, que deron como resultado un total de 25 positivos. A participación foi baixa en todos eles.
En Gondomar, acudiron á cita co SERGAS un 53,7% das persoas que foran convocadas. É dicir, das 5.010 presentáronse 2691 e 7 resultaron positivo en COVID-19. No cribado poboacional que Sanidade levou a cabo entre os veciños e as veciñas de Tomiño e do Rosal, non se diagnosticou ningún contaxio e acudiron o 46,9% das 4.982 persoas que foran citadas para realizarlles unha proba PCR. Finalmente, na cidade de Vigo convocáronse a 11.111 persoas, acudiron 3.779, un 34%, e diagnosticáronse 16 casos. Polo momento, a Área Sanitaria de Vigo non dispón das cifras completas do cribado no Porriño.
Máis de 800 casos na Área
A Área Sanitaria de Vigo rexistra máis de 800 casos activos en COVID-19, segundo a última actualización do SERGAS. Son 894, 16 máis que onte. En canto a presión hospitalaria, son 37 pacientes ingresados por mor do virus en camas convencionais, dous menos que na anterior xornada, mais é un máis na UCI ata os 9.
O día 25 de abril faleceu unha muller de 77 anos no CHUVI que fora diagnosticada con coronavirus e que presentaba patoloxías previas.