Atópase a 2 minutos camiñando da Casa do Concello e eleva a 931 as prazas de aparcamento de balde no centro, sen contar as existentes en rúas
O Concello de Ponteareas abre este sábado ao público o novo aparcadoiro gratuíto de Sarmiento Rivera cunha superficie de 4.000 m2 e un total de 170 prazas de estacionamento dispoñíbeis, o que o converte no de maior capacidade dos existentes no centro urbano. O novo aparcadoiro atópase a 160 metros e a 2 minutos camiñando da Casa do Concello.
Nos últimos dous meses realizáronse os traballos de acondicionamento do terreo mediante o seu pavimentado, adaptación dos accesos rodados e peonís, sinalización vertical e iluminación. Trátase dunha actuación conxunta das concellarías de Mobilidade e Tráfico e de Vías, Obras e Alumeado que dirixen respectivamente o edil nacionalista Roberto Mera e a socialista Chus Garrote.
A entrada ao aparcadoiro realizarase pola rúa Curuxeira, dende a Avenida Sarmiento Rivera, mentres que a saída se efectuará pola mesma rúa Curuxeira en dirección á rúa Redondela.
Roberto Mera salientou que a medida se encadra no “novo modelo de vila e de mobilidade que quere potenciar os desprazamentos a pé, reducir a contaminación e o ruído, aumentar a seguridade e recuperar espazos amplos para as persoas, ofertando amplos aparcadoiros céntricos dende os que se pode chegar a calquera lugar en poucos minutos”. Mera sinalou que coa recente ampliación do aparcadoiro de “Granitos” na Avenida de Galicia (133 prazas) e a creación doutro na esquina de Redondela con Alexandre Bóveda (33 prazas) e a apertura agora de Samiento Rivera, Ponteareas acada as 931 prazas en aparcamentos públicos gratuítos no centro urbano, sen contar os estacionamentos nas rúas. “Non existe practicamente ningún concello en Galicia das dimensións de Ponteareas que ofreza tal cantidade de prazas de aparcamento de balde”, engadiu o concelleiro de Mobilidade.
Pola súa banda, a edil de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote, salientou que “os novos aparcadoiros que está creando este goberno reúnen condicións axeitadas de pavimentado e iluminación, mellorando a súa calidade e seguridade”. Garrote lembrou que co novo PXOM a parcela na que se creoueste aparcadoiro será cedida en propiedade para o Concello, que poderá crear un aparcadoiro definitivo soterrado con espazos verdes públicos en superficie.