O 23 de abril, Día Internacional do Libro, iníciase o calendario deste evento itinerante que levará moita lectura e actividades a unha ducia de vilas galegas
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, asinaron un convenio polo que a Xunta colaborará con 120.000 euros na celebración das 12 citas que compoñen este ano o calendario das Feiras do Libro de Galicia, das que o Goberno galego é a principal institución patrocinadora. O obxectivo deste apoio, enmarcado no Plan de reactivación para o sector cultural, é achegar o libro á cidadanía a través da exhibición, difusión e comercialización profesional.
Catro citas máis no calendario
O circuíto das Feiras do Libro de Galicia 2021 está composto por 12 citas, catro máis que o pasado ano. A primeira delas da comezo hoxe en Ferrol e a continuación pasará por Santiago, O Porriño, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz. A última terá lugar no mes de agosto en Monforte de Lemos.
Día do Libro nas bibliotecas
A sinatura deste convenio coincide co Día internacional do Libro que a Xunta celebra cun amplo abano de actividades en liña abertas a toda a cidadanía co fin de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dándolle todo o protagonismo que merece. Nesta ocasión, incídese na importancia que tiveron os libros desde o inicio da pandemia, un tempo no que medraron os índices de lectura segundo un estudo do Consello da Cultura Galega. Co gallo desta efeméride, a Xunta desenvolve a campaña Grazas por non fallarnos nunca que reflicte precisamente o papel xogado neste ano.
Así, as bibliotecas, museos e arquivos xestionados polo Goberno galego contan estes días cunha programación que inclúe mostras, encontros, obradoiros, contacontos, concurso en redes sociais, publicacións ou recomendacións literarias.