Os traballos de creación dun ecoparque no Campo Novo de Viso dos Eidos sacan á luz unha antiga mina de auga que será integrada no proxecto.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitou esta semana as obras de creación do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, para comprobar a evolución dun proxecto que suporá a transformación da zona nun espazo de convivencia para a veciñanza. Durante a visita, a rexedora estivo acompañada pola arquitecta e paisaxista María Fandiño, autora do proxecto de remodelación, quen ensinou á alcaldesa os achados realizados dende o comezo das obras hai un mes.
Durante os traballos de escavación atopouse unha antiga mina de auga que xa se canalizou e se integrou no trazado do proxecto “dándolle aínda máis valor ao patrimonio etnográfico da contorna”. Neste camiño cara a integración no proxecto inicial, xa se comezaron a facer as escaleiras de acceso que conecten esa antiga mina e lavadoiro co resto da zona.
“As obras avanzan a moi bo ritmo. A comezos de verán poderemos desfrutar xa dun espazo bonito, dun espazo creado pensando na súa contorna, buscando unha integración total. É un exemplo máis da aposta decidida do Concello por dar prioridade á veciñanza e por impulsar proxectos de proximidade”, salienta a alcaldesa.
O proxecto deseñado por María Fandiño contempla a remodelación de toda a zona empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga, un elemento de grande importancia nesta zona do Rosal. A creación deste ecoparque conta cun orzamento de máis de 93.000 euros cofinanciados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e de fondos propios do Concello.