A auga, o patrimonio e a natureza son protagonistas do novo logo que servirá de imaxe institucional do Rosal.
A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández, presentou este martes na Praza do Calvario o novo logotipo que servirá de imaxe municipal, “unha imaxe actualizada, contemporánea, que recolle á perfección o que somos como pobo, unha imaxe de pasado, de presente e de futuro para o Rosal”. Deste xeito, neste novo logo, deseñado por Era Comunicación, están representados conceptualmente os trazos máis característicos do municipio: o seu valor patrimonial, a natureza e a súa vinculación coa auga.
O resultado é unha imaxe que inclúe unha cor ambigua entre azul e verde que simboliza esa fusión de auga e natureza que se dá no Rosal, cunhas ‘O’ que recollen as moas dos muíños; con dúas ondas que representan as ondas dos ríos que bañan o municipio, como o Miño, o Carballas coa ponte do Tamuxe e o do océano Atlántico na zona de costa; e cun ton verdoso que recolle a importancia a vexetación dos nosos montes e do ámbito agrícola. “Todo isto constrúe graficamente unha identidade propia que reflicte de xeito fiel a identidade en todos eses ámbitos que definen o que somos como pobo, a nosa historia e a nosa orixe”, salientou a rexedora.
Propostas anónimas
O Concello comezou o proceso invitando a 8 estudos da contorna e da provincia a presentar os seus traballos de xeito anónimo a un tribunal composto pola propia alcaldesa; por Elena Dahlgren, profesora de plástica do CPI Manuel Suárez Marquier; Ángel, moi vencellado ao tecido asociativo rosaleiro e apaixoado da deseño; Laura, deseñadora rosaleira, e por persoal municipal. “Coa súa colaboración e coa implicación da xente nova do Rosal conseguiuse que “todos eses pequenos matices que nos representan quedaran reflectidos na imaxe”. A rexedora quixo agradecer o traballo da empresa deseñadora non só pola creación do novo logo senón tamén “pola súa implicación persoal buscando na orixe do que somos para sacar á luz unha nova identidade”.
A alcaldesa tamén quixo agradecer o traballo do alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, que traballaron na cocreación desta nova imaxe corporativa e que foron os responsables da elaboración de novos pictogramas adaptados á nova imaxe corporativa para ir aplicando á diferente sinalética do municipio. “Moitas grazas por deixarnos poñer un pedaciño de nós neste logo. Sentímonos moi orgullosos de participar nun feito tan importante, de algo que vai perdurar no tempo, sobre todo nun ano no que a covid impediunos facer moitas cousas”, asegurou Noa en representación do resto do alumnado participante.