O SERGAS está a convocar a veciños e veciñas de Arbo para realizar un cribado aleatorio masivo
Segundo fontes do concello, o Servizo Galego de Saúde está a convocar á veciñanza de Arbo co fin de someterlles a unha proba de diagnose da COVID-19. O obxectivo é localizar a persoas asintomáticas que, sin sabelo, espallan o virus. As e os seleccionados recibirán unha mensaxe de texto coa hora e lugar ao que dirixirse.
O concello explica que «para que o cribado resulte eficaz, é preciso que todas as persoas citadas vía SMS acudan a realizar a proba» e rogan á cidadanía «que pensen que a maior contibución que poden facer para frear a pandemia é acudir á cita».
Arbo presenta agora a incidencia máis alta da bisbarra con máis de 125 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana. Con todo, non supera os 9 positivos diagnosticados. Este municipio da Paradanta era un dos que se atopan libres do virus ao non contar con positivos nin en 7 nin en 14 días. Foi esta fin de semana cando volveron os casos.
Non é o único cribado masivo que pon en marcha Sanidade na Área Sanitaria de Vigo pois hoxe mesmo citaron a 5.000 pontareáns, de entre 16 e 64 anos, no pavillón municipal e esta fin de semana a 4.000 mozos e mozas da cidade de Vigo.