España e Portugal amplían o peche da fronteira ata o 1 de maio, unha decisión que causa indignación na raia miñota, onde o único paso aberto ás 24 horas do día é o de Tui.
“Para o AECT unha nova prórroga do peche da fronteira con Portugal, agora que se está abrindo a economía e as restricións en todos lados, é unha auténtica tomadura de pelo e unha ruína económica para o territorio do Río Miño”. Así de claro se manifestou hoxe o vicedirector do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Río Miño, Uxío Benítez, ao coñecer que os gobernos de Madrid e Portugal acordaron a ampliación outros 15 días máis do peche da fronteira con Portugal.
Benítez destacou que a valoración da situación é “totalmente negativa”. “Estamos a ver que o mal xa está feito. Pasan os días prórroga tras prórroga e o único que fan os estados, tanto os gobernos de Madrid como o de Lisboa, é incrementar o dano que xa crearon. É unha ruína económica provocada por decisións políticas”, subliñou.
O AECT intensificará nos vindeiros días as medidas para esixir que haxa compensacións económicas ao territorio miñoto con partidas específicas nos fondos europeos que foron creados para asistir a problemática da pandemia, os do ‘Next Generation’, e tamén no próximo cuadro comunitario de fondos 2021-2027, xa que insisten en que hai estudos que demostran que houbo un impacto doble creado nas fronteiras: por unha banda o xeral por mor da COVID e outro, a maiores, por estar en territorio de fronteira.
“O que se está a facer é quitar a metade da clientela a toda empresa e negocio que vive no territorio fronteirizo. Alén da problemática das persoas traballadoras para cruzar a fronteira, a comercios e empresas os estados levan dende xaneiro quitándolle o 50% dos seus clientes”, insiste Benítez.