O accidente, motivado por unha colisión por alcance, tivo lugar esta mañá no quilómetro 10 da A-55, na parroquia de Tameiga, e provocou graves retencións.
Unha colisión múltiple, con seis vehículos implicados, sáldase con dúas persoas trasladadas polos servizos sanitarios de urxencia, no Concello de Mos.
O accidente tivo lugar sobre as 07.45 horas desta mañá na autovía A-55, ao seu paso pola parroquia de Tameiga. Dende o Servizo de Emerxencias de Mos explican que foi no quilómetro 10, en sentido Vigo, concretamente un pouco antes da gasolineira, onde a calzada está conformada por tres carrís, producíndose o choque no carril de adiantamento (o da esquerda).
Foron os propios usuarios da vía os que chamaron ao 112 Galicia alertando do sinistro no que non se rexistraron danos persoais graves de consideración. Así a pesares de que ao lugar acudiron tres ambulancias só se precisaron os servizos de dúas que trasladaron a sendas persoas
Con todo, os danos materiais nos vehículos si que foron importantes e o accidente provocou ademais longas retencións, xa que se trata dun viario moi transitado e a primeira hora punta da mañá.
Os xestores de Emerxencias 112 Galicia alertaron do sucedido a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos. Do mesmo xeito, informaron aos Bombeiros do Porriño e voluntarios de Protección Civil da localidade por se fose precisa a súa intervención, aínda que finalmente non acudiron ao non seren necesarios os seus servizos.
Por outra banda, o 112 Galicia solicitou a colaboración dos servizos de mantemento da vía para recuperar as condicións de seguridade