martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasO CondadoBaixa a incidencia en Tomiño e en Mos e a máis alta,...

Baixa a incidencia en Tomiño e en Mos e a máis alta, nas Neves e en Mondariz-Balneario

Tomiño e Mos son os dous concellos nos que descende a incidencia da COVID-19 ata rexistrar menos de 10 casos por 100.000 habitantes en 7 días

Con non máis de 9 novos positivos entre a súa veciñanza cadanseu, o concello do Baixo Miño e o da Louriña sitúanse na incidencia máis baixa que contempla Sanidade con menos de 10 contaxios por 100.000 habitantes nunha semana. Mentres, a máis alta sitúase nos concellos das Neves e de Mondariz-Balneario. Os demais municipios das comarcas non presentan cambios con respecto á xornada anterior, segundo a última actualización do SERGAS.

Tomiño, Mos, Ponteareas, Oia e Crecente presentan a incidencia máis baixa da bisbarra con menos de 10 casos por cada 100.000 habitantes nunha semana. Nos dous últimos, en Oia e en Crecente, o virus deixou de circular en 7 días aínda que continúan con casos positivos a dúas semanas polo que aínda non é posible incluílos na listaxe de municipios libres de COVID-19 como si o están O Rosal, Salceda de Caselas, Arbo, O Covelo, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Mondariz, nos que o SERGAS non diagnosticou ningún caso entre os seus veciños e veciñas nin nunha semana nin en dúas.

Pola contra, As Neves e Mondariz-Balneario rexistran a incidencia máis alta das comarcas con máis de 125 contaxios por cada 100.000 habitantes nunha semana. Séguelle Soutomaior con máis de 75 por 100.000 sen acadar, iso si, as cifras dos dous concellos do Condado. Os tres municipios teñen unha poboación inferior a 10.000 polo que, ao diagnosticar entre 1 e 9 contaxios en 7 días, a incidencia dispárase.

Os demais municipios da bisbarra non presentan cambios con respecto á xornada anterior. Baiona, Tui, A Cañiza, Redondela e O Porriño manteñen a presión do virus con menos de 25 contaxios por cada 100.000 habitantes nunha semana. Supéraos, igual que onte, A Guarda, Gondomar, Nigrán, Salvaterra de Miño e Vigo.

Falece un home de 50 anos no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

O SERGAS vén de notificar o falecemento dun home de 50 anos no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo o día 5 de abril. Presentaba patoloxías previas. Así, son xa 421 persoas as que perderon a vida por mor da COVID-19 na Área Sanitaria de Vigo desde o inicio da pandemia.

O número de casos activos aumenta en Galicia en 8 máis ata os 2193. Na área, son tres máis que onte ata os 603. Desdencende a presión hospitalaria en dúas persoas ata as 28 en camas convencionais e 6 na UCI.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS