A área viguesa supera xa a coruñesa en número de casos activos de coronavirus: ten 603, logo de subir en 3; e a área da Coruña ten 598, tras baixar en 18 na última xornada. Aínda que houbo algún día que non subiu en positivos, Vigo e a súa contorna leva máis dunha semana en ascenso.
A área sanitaria da Coruña, a primeira en verse golpeada pola forte presenza da variante británica, comeza a descender os seus positivos, despois de pasar semanas por riba do milleiro de positivos de COVID-19. Vigo está agora á cabeza e soben todas as áreas sanitarias, agás a da Coruña e a de Ferrol.
Actualmente hai en Galicia 2.193 persoas diagnosticadas de coronavirus, 8 máis que un día antes. Na última xornada foron 146 os novos diagnosticados.
Por áreas sanitarias:
Vigo: 603 (+3)
A Coruña: 598 (-18)
Santiago: 331 (+13)
Pontevedra: 289 (+6)
Ourense: 149 (+9)
Lugo: 148 (+6)
Ferrol: 75 (-11)
Nos hospitais de Galicia hai 167 persoas ingresadas con covid-19, a cifra máis baixa dende o primeiro de setembro. Delas 141 están en planta (-4) e 26 (-2) permanecen nas UCI.
O Sergas notificou catro pasamentos máis por coronavirus. O total de falecidos desde o inicio da pandemia ascende a 2.367 en Galicia.