martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoAs sobreiras da Madalena, no Rosal, xa son senlleiras

As sobreiras da Madalena, no Rosal, xa son senlleiras

O conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena do concello do Rosal acaba de ser incorporado ao Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Este catálogo é un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.

Un logro que supón un recoñecemento do traballo para a posta en valor deste patrimonio natural único de grande importancia, para o que contou coa inestimable implicación da CMVMC das Eiras, con especial implicación do seu actual presidente, Xoán Carlos Gándara, promotor da iniciativa. “Para nós é importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no municipio e estas árbores non soamente contaban coas condicións idóneas para ser incluídas no catálogo polo seu porte, senón tamén pola paraxe singular na que se atopan”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Na solicitude destacáronse os principais valores destas catro árbores singulares, pertencentes á especie Quercus suber con excepcionais características no seu porte e dendrometría, especialmente os tres exemplares de maior tamaño. Así, as árbores teñen un perímetro que oscila entre os 3,8 e os 4,3 metros e forman entre todas unha copa cunha base de forma elíptica de 32 m no eixo maior e 23 m no menor.

Outra das características que influíron na súa inclusión no catálogos son os seus notables valores estéticos e paixasísticos ao atoparse ao pé da capela da Madalena, ben de interese patrimonial catalogado, e o valor histórico do conxunto, situado a carón dun xacemento arqueolóxico. Ademais, a capela aparece mencionada en documentos do século XII como pertencente ao Mosteiro de Oia e tamén está acreditado que a zona serviu de emprazamento de pezas de artillería nas guerras con Portugal.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS