lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsComarcasGondomar sobe ao nivel medio de restricións e Baiona segue no alto

Gondomar sobe ao nivel medio de restricións e Baiona segue no alto

O Comité Clínico vén incluir ao concello de Gondomar no nivel medio e mantén a Baiona e Pazos de Borbén no alto.

Malia a boa evolución dos datos epidemiolóxicos en Baiona, o Comité Clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia  decide que o municipio do Val Miñor debe continuar no nivel alto de restricións. Segundo dixo o conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, na conferencia de prensa na que deu conta das decisións que se tomaron na xuntanza de hoxe, o motivo é que «para ser cautos, non é aconsellable que se muden os niveis dun día para o outro, cómpre que os concellos permanezan entre 10 ou 14 días coas mesmas restricións antes de relaxalas». Baiona leva dende o 23 de marzo. Así, o municipio seguirá cando menos unha semana máis no nivel alto. Isto implica que os locais da hostalería só poden abrir ao 50% do aforamento e só nas terrazas. Continúa tamén neste mesmo nivel Pazos de Borbén , que non presenta unha mellora significativa en canto á  presión do virus entre a súa veciñanza.

Pola contra, Gondomar, que vén de rexistrar unha incidencia superior aos 75 contaxios por cada 100.000 habitantes durante varias xornadas, sitúase no nivel medio de restricións. Isto quere dicir, que os locais da hostalería reducen o aforamento. Deste xeito, permítese o consumo no interior pero ao 30% da capacidade e nas terrazas, ao 50%. Nesta mesma situación, quedan os concellos de Moaña e Cangas da provincia de Pontevedra.

Os demais concellos da Bisbarra manteñen o nivel de restricións medio-baixo no que os hostaleiros e as hostaleiras poden atender ao 50% no interior e ao 75% no exterior. Cómpre lembrar que a mobilidade é plena entre todas as localidades de Galicia agás no concello de máximas restricións, que, neste caso, é Beade, na provincia de Ourense. Todas estas medidas entrar en vigor na medianoite do xoves para o venres.

Preocupa a Área Sanitaria de Vigo

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou que «preocupa especialmente o repunte de casos na Área Sanitaria de Vigo en xeral e en particular na cidade» e asegurou que estarán pendentes da evolución co fin de tomar medidas. Noutro orde de cousas, iníciase hoxe o cribado a pasaxeiros e pasaxeiras no aeroporto de Vigo e de Santiago como xa se fixo no da Coruña

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS