Aínda que o Concello ten unha media baixa de lumes forestais, a corporación busca minimizar os riscos de incendio no municipio.
Por unanimidade, o pleno deu luz verde o pasado xoves á aprobación inicial do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais no concello, a través do que se planificará o territorio segundo o grao de perigo que supón a súa situación actual.
O obxectivo deste plan é definir unha rede de faixas secundarias de xestión de biomasa formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas para reducir o risco de incendio e garantir a seguridade da veciñanza.
Aínda que o municipio rosaleiro ten un índice baixo de incendios, cunha media de 4,7 ao ano e 5,2 hectáreas afectadas segundo os datos da Consellería de Medio Rural, os lumes forestais constitúen unha das maiores ameazas ao sector forestal galego, un dos piares básicos da creación e mantemento de emprego no rural. Neste sentido, o plan é o documento que contén as accións necesarias para a prevención e defensa dos incendios tras unha análise da situación actual e establecendo unha zonificación do territorio como marco das directrices de actuación.
Regularización das empregadas da gardería
Por outra banda, o pleno tamén aprobou por unanimidade a proposta de Alcaldía para solicitar ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta que teña en conta de forma prioritaria os méritos e a experiencia das 9 traballadoras da Escola Infantil A Galiña Azul do Rosal no proceso para a súa regularización laboral e o acceso á condición de empregadas públicas de carácter fixo, sempre dentro do marco legal da aplicación da convocatoria de prazas.
Algunha das traballadoras leva case 25 anos de prestando servizo nesta escola, contratadas inicialmente polo Concello do Rosal e subrogadas no 2008 pola Xerencia de Consorcio Galego de Servizo de Igualdade e Benestar como persoal laboral fixo ata a convocatoria de prazas, que debía ser nun máximo de dous anos dende a contratación da interinidade. Non obstante, na actualidade a maioría desas empregadas públicas “que efectúan as súas funcións en postos de traballo de carácter estrutural” adquiriron a condición de traballadoras indefinidas non fixas por sentencia xudicial firme ou teñen contrato de interinidade ata a cobertura da praza.
Tras a aprobación da oferta de emprego público por parte da Xunta de Galicia no 2020 pídese agora acordar modificacións lexislativas que permitan efectuar convocatorias de consolidación de emprego a postos ou prazas de carácter estrutural na que teña unha importante e prioritaria consideración a valoración dos méritos acreditados polas persoas aspirantes, preferentemente a experiencia nos postos de traballo e o tempo de prestación de servizos, favorecendo a estabilidade profesional destes traballadores e traballadoras.