Xa se cumpriu un mes dende o misterioso achado dun cadáver dentro dun pozo nunha nave no Cerquido, en Porriño. Tras o resultado da autopsia e os avances na investigación da Garda Civil, coñecemos novas pistas sobre a identidade do corpo e tamén sobre as circunstancias que rodean a súa morte.
Aínda que a Garda Civil non deu polo de agora coa súa identidade, os estudos antropolóxicos revelan que o varón medía entre 1,74 e 1,77 metros, era de aspecto corpulento e tiña entre 30 e 35 anos, aínda que algúns expertos apuntan a que podería será máis xove.
Os forenses puideron extraer con éxito o seu ADN, pero polo de agora non apareceu rexistrado en ningunha das bases de datos de persoas desaparecidas e delincuentes de España, o que reforza a hipótese de que a vítima fose un cidadán portugués, ao atoparse o pozo nun desvío da Autovía A-55, que é a que enlaza con Portugal.
Sobre as causas da morte, a análise forense determina que o home morreu dun forte golpe na cabeza e que, ese golpe non se produciu a raíz dunha posible caída ao pozo; polo que o asasino empregou o burato para desfacerse do corpo. Ademais hai que recordar que o pozo estaba pechado cando apareceu o cadáver.
A investigación tamén traballa coa posibilidade de que o corpo levase entre 10 e 6 meses morto, o que nos leva a un período de tempo que vai dende o pleno confinamento ata mediados de agosto.
O estado no que se atopaba o cadáver cando foi recuperado, en descomposición e saponificado ao levar tanto tempo en contacto coa auga, dificulta a precisión na data do falecemento, aínda que semella improbable que puidera ser arroxado ao pozo en pleno confinamento.
O Imelga de Vigo, a unidade de antropoloxía forense de Verín e un instituto de análise de Madrid traballan arestora no estudo antropolóxico da vítima para tratar de ir esbozando o seu retrato-robot e as causas da morte deste misterioso suceso descuberto no Porriño.