martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasO Condado"Fai Ponte con Nós" para promocionar o comercio local

«Fai Ponte con Nós» para promocionar o comercio local

Ponteareas lanza a plataforma escaparate ‘Fai Ponte Con Nós’ para a promoción do comercio local.

A vila do Tea vén de estrear escaparate.ponteareas.gal, unha novidosa plataforma escaparate para o comercio local coa que o Concello busca apoiar á veciñanza e ao comercio de proximidade nestes tempos de cambio. 

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, afirmou que “nun momento de auxe da venda en liña por mor da pandemia, Ponteareas aposta por acompañar ao comercio local no salto á dixitalización, e facémolo empregando un modelo diferente, combinando información dos comercios e hostalaría, con fotografías e vídeos dos estabelecementos, xa que son os verdadeiros protagonistas desta iniciativa”. 

A web, moi doada de usar e intuitiva, consta de catro grandes bloques: Fai a túa busca; Visualiza o estabelecemento; Contacta co estabelecemento e Bloque de actualidade, que irá cambiando en función das novidades e iniciativas que afecten ao comercio local de Ponteareas. 

Este escaparate virtual nace do “Plan Dixitaliza o teu negocio”, que a concellería de Promoción Económica puxo en marcha para o sector durante o confinamento. Por este motivo, actualmente a plataforma conta con 58 estabelecementos adheridos, divididos en catro categorías: comercio, servizos, alimentación e hostalería.

A concelleira nacionalista informou que “dende o Concello continuaremos realizando traballos de dinamización do portal, xa que o obxectivo é que todos os comercios e estabelecementos da vila que estean interesados en participar no proxecto poidan aparecer neste escaparate”

Orientada a darlle unha maior visibilidade aos negocios locais e promover así a compra neles por parte da cidadanía, a plataforma é totalmente gratuíta tanto para persoas usuarias como para comerciantes,  estando costeada integramente polo Concello de Ponteareas e Banastra, a Federación de comercio, hostalaría e servizos.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS