Salceda non ten ningún contaxio nunha semana e tampouco en dúas. Pola contra, Pazos de Borbén empeora a situación epidemiolóxica.
Segundo a última actualización do SERGAS, son catro concellos os que están libres do COVId-19 nas comarcas: Arbo, Mondariz-Balneario, O Covelo e, agora, súmase o concello de Salceda de Caselas ao non contar con ningún positivo entre a súa veciñanza nin en 7 nin en 14 días. Pazos de Borbén, pola contra, rexistra agora a mesma incidencia que o concello de Baiona, con máis de 125 casos por cada 100.00 habitantes nunha semana. Na xornada anterior, Pazos non rexistraba máis de 75 casos por cada 100.000 habitantes nunha semana.
Descende a presión do virus entre os veciños e as veciñas dos concellos do Porriño e da Guarda ao non contar agora con máis de 25 casos por cada 100.000 habitantes. Nesta mesma incidencia, atópanse os concellos de Salvaterra de Miño, A Cañiza e Mos.
A maioría dos municipios das comarcas rexistran unha incidencia entre os 25 e os 75 casos por cada 100.000 habitantes: O Rosal, Oia, Tomiño, Gondomar, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Crecente e As Neves.
Cunha mellor situación epidemiolóxica sitúanse os municipios de Tui, Mondariz, e Fonelos de Montes ao non ter contaxios entre a súa veciñanza nunha semana, aínda que si a 14 días, e o de Ponteareas con menos de 10 casos por cada 100.000 habitantes.
Falecen dúas persoas por mor da COVID-19 na Área Sanitaria de Vigo
Unha muller de 89 anos e un home de 86 anos falecen no CHUVI por mor da COVID-19 na Área Sanitaria de Vigo o 22 de marzo. Así o vén de notificar o SERGAS xunto co falecemento dun home de 79 anos no CHUS o mesmo día e dunha muller de 58 anos no CHUS durante a xornada de onte. Todos eles presentaban pataoloxías previas.
Non varía o número de positivos activos na Área pois mantense en 501. A boa nova é que descende a presión hospitalaria con 9 persoas menos ingresadas en camas convencionais, ata as 44, e unha persoa menos na UCI, ata os 8 pacientes.