España reanudará a vacinación coas dose de AstraZeneca o mércores 24 de marzo,logo de que a EMA concluira que é «segura e eficaz»
O Ministerio de Sanidade e as Comunidades Autónomas deciden «de forma unánime», segundo dixo a ministra, Carolina Darias, retomar a subministración do antídoto de AstraZeneca en España. Será o mércores 24 marzo cando se volva a vacinar con este antídoto. Así o dixo Darias na conferencia de prensa posterior ao Consello Interterritorial, convocado de urxencia, logo de coñecer o veredicto da Axencia Europea do Medicamento.
O luns haberá un novo Consello Interterritorial para determinar que grupo será o seguinte en recibir esta vacina. Pola súa banda, a directora da Axencia Española de Medicamento, María Jesús Lamas, insistiu tamén en que o risco é menor que os beneficios «e que non se pode establecer unha relación causal entre a dose de AstraZeneca e os eventos de trombose».
Dende o SERGAS, apuntan a que Galicia reanudará a inmunización con este antídoto e «está por ver cando e como» pois esta fin de semana reúnese a Comisión Nacional de vacinas e o de Saúde Pública, ademais da reunión do luns entre o Ministerio e as Comunidades Autónomas.
A vacina é «segura e eficaz»
O Ministerio convocou a unha reunión de urxencia ás Comunidades Autónomas logo de coñecer que a Axencia Europea do Medicamento concluira que o antídoto da farmacéutica de AstraZeneca é «segura e eficaz».
De feito, o comité de farmacovixilancia da Axencia Europea do Medicamento (EMA) determina, á vez, «que a taxa de trombose entre as persoas vacinadas con AstraZeneca é máis baixa que a que se detecta na poboación xeral» e que polo tanto a formulación contra a COVID-19 «é segura e eficaz», segundo dixo a súa presidenta, Sabine Straus en conferencia de prensa.
Pola súa banda, a directora da EMA, Emer Cooke, insisitu en que «non é posible relacionar os eventos de trombose coa dose da vacina» así que «os beneficios superan, de lonxe, aos riscos», engadiu Cooke en relación á subministración do antídoto de AstraZeneca. Quixo recalcar a directora que «a opción desta farmacéutica é unha opción sa e efectiva para protexer á cidadanía fronte o virus».