Marta Doviro e Amador Arias anunciaron os nomes dos proxectos e profesionais finalistas nas 25 categorías da XIX edición dos Premios Mestre Mateo.
A primeira rolda de votacións dos membros da Academia Galega do Audiovisual sitúa a longametraxe de Alfonso Zarauza Ons como a máis votada entre as 146 obras que se presentaron aos Mestre Mateo, acaparando trece candidaturas finalistas, seguida por A illa das mentiras, dirixida por Paula Cons con doce. As dúas competirán polas estatuíñas a mellor longametraxe, dirección, dirección de arte, guión, interpretación protagonista e de reparto, dirección de produción, maquillaxe e perruquería e montaxe.
As oito candidaturas de El desorden que dejas e seis de Néboa, dan boa conta do estado de saúde da ficción seriada producida en Galicia; ámbalas dúas optarán ao premio á Mellor Serie de Televisión xunto con O Sabor das Margaridas finalista en tres categorías, e Auga Seca finalista en dúas.
A listaxe de obras con máis candidaturas finalistas complétano tres longametraxes: Arima, a ópera prima de Jaione Camborda, con sete; Lúa Vermella, dirixida por Lois Patiño con catro e 9 Fugas de Fon Cortizo, tamén con catro.
Podes consultar todas as obras e profesionais finalistas desta XIX edición dos Premios Mestre Mateo facendo clic aquí
Un mes de celebración do talento audiovisual galego
Despois do éxito colleitado en 2020, a Academia celebrará, en colaboración co Concello da Coruña, a II Semana do Cinema Galego, na que os espectadores poderán ver en pantalla grande as obras finalistas da presente edición. As proxeccións celebraranse no Teatro Colón da Coruña entre o 25 e o 28 de marzo, e o acceso será gratuíto ata completar capacidade.
Este ano, como novidade, despois das proxeccións na cidade herculina, estas viaxarán a outras localidades galegas, nunha aposta pola cultura segura e pola promoción do noso talento audiovisual
#Diarioderodaxe con María Mera
A actriz e presentadora María Mera será a anfitrioa de catro coloquios cos equipos das obras finalistas nos XIX Mestre Mateo. As conversas poderán ser seguidas en directo polo público asistente ás proxeccións no Teatro Colón da Coruña e estarán dispoñibles por streaming a través das redes sociais da Academia.
#ConversasCandelasMestreMateo
En cada edición dos premios a Academia organizou encontros presenciais entre o alumnado de escolas e facultades de audiovisual de Galicia e os profesionais dalgunhas categorías finalistas ou gañadoras. Este ano a Academia dá un paso máis, incrementando o número de encontros e facilitando o acceso aos mesmos. Un total de 15 encontros que poderán seguirse a través das redes sociais da Academia entre o 17 de marzo e o 9 de abril e que darán a coñecer as peculiaridades dos diversos oficios (guión, produción, maquillaxe, son, interpretación…) que compoñen o sector a través do diálogo entre os seus protagonistas.
Programa especial desde a alfombra vermella
Outra das novidades deste ano será a emisión por streaming dun programa especial desde a alfombra vermella dos Mestre pola que desfilarán as e os finalistas da presente edición, así como o resto de convidados. O programa realizarase tendo en conta os protocolos que esixe a situación sanitaria e, proximamente darase a coñecer máis información sobre os contidos e a persoa que o vai presentar.
Unha gala presencial, unha aposta pola cultura segura
Coñeceremos as candidaturas gañadoras na Gala de entrega de premios, que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o 10 de abril de 2021. Dirixida por Tito Asorey, actor e director teatral e presentada por Lucía Veiga, actriz e comunicadora, unha das presentadoras de Malicia Noticias, o noticiario de humor que emite TVG, cunha proposta fresca e áxil, na que a música e o humor estarán moi presentes.
Coa celebración dunha Gala presencial, a Academia quere reivindicar a seguridade dos eventos culturais en tempos de pandemia, aplicando estritamente as directrices establecidas polas autoridades sanitarias: redución da capacidade do teatro conforme á normativa vixente no momento da Gala, escaleta de acceso ao recinto para evitar aglomeracións, uso de máscaras e xel hidroalcólico, adaptación do espectáculo aos requirimentos sanitarios (non se producirá unha entrega en man das estatuíñas, desinfección dos equipos) e realización de probas PCR ás persoas integrantes do equipo técnico e artístico