O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, fala en Si Radio sobre a moción que levará o PSOE do municipio ao próximo pleno.
«Ademais das peaxes da AP-9, na Guarda sufrimos tamén a mala comunicación con Tui». Así se refire o alcalde, Antonio Lomba, nos informativos locais e comarcais de Si Radio de Galicia á moción que presentará o PSOE do municipio no próximo pleno do 26 de marzo. Un pleno ordinario na que se instará á Xunta de Galicia e ao goberno central, respectivamente, a gratuidade da AG-57 e a AP-9 co fin de mellorar as comunicacións do municipio, que «condicionan o sector económico e social da Guarda», segundo apunta Lomba.
Por estas autoestradas, di o alcalde, circulan moitos veciños e moitas veciñas da Guarda para ir a estudar, traballar ou mesmo para ir ao Hospital Álvaro Cunqueiro, o hospital de referencia. Reclama Lomba tamén que se remate a vía de alta capacidade para mellorar a conexión con Tui. O rexedor agarda que exista unanimidade na sesión plenaria.
Noutra orde de cousas, preguntámoslle ao rexedor sobre o cribado que o SERGAS realizou hai xa unhas semanas na Guarda e di o alcalde que «aínda non hai datos oficiais».
Podes escoitar aquí a entrevista completa: