Os galardóns recoñecerán a traxectoria individual dun veciño e a colectiva dalgunha asociación ou entidade.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Tui acordou a creación dos Premios “Cidade de Tui” para recoñecer anualmente a labor daquelas persoas e entidades que teñan realizado unha achega de caracter exemplar á vida local ou teñen contribuído coa súa traxectoria á promoción de Tui. A primeira convocatoria celebraráse este ano 2021, e a entrega dos galardóns coincidirá coas festas de San Telmo.
A creación deste galardón foi unha proposta formulado polo alcalde, Enrique Cabaleiro, que sinala que “o acervo que singulariza á nosa localidade, foi construído ao longo do tempo por tantos e tantas tudenses que, identificados coa súa cidade, entregaron a súa cidade o mellor da súa actividade, das súa habelencias, do seu tempo…. Todas estas achegas teñen sido imprescindibles para acadar esta cidade que nos acolle e no da orgullo a todos. O Concello de Tui ten a responsabilidade de animar e incentivar a continuidade desta achega colectiva que a sociedade tudense realiza cada día que enriquece ao noso municipio e á súa historia.
Con este obxectivo acordouse a creación destes “Premios Cidade de Tui” con dúas modalidades. A modalidade individual, que premiará a unha persoa física que estea vencellada, dalgún xeito, ao municipio de Tui e os seus cidadáns. Recoñecerase a súa achega no ano precedente ou unha dilatada traxectoria en calquera ámbito. E a modalidade colectiva para premiar a unha persoa xurídica (asociación, entidade ou colectivo de carácter cultural, social, empresarial, etc.) que teña desenvolto un labor de especial proxección para Tui e os seus cidadáns. Recoñeceras a súa achega no ano precedente ou unha dilatada traxectoria en calquera ámbito.
Os premios son de carácter honorífico e serán entregados nunha gala a celebrar coincidindo coas festas patronais na honra de San Telmo. A elección dos galardoados será realizada por un amplo xurado que, designado pola Xunta de Goberno Local, recolle a persoas vinculadas coa vida social tudense que terán a encomenda de designar aos galardoados.