lunes, noviembre 25, 2024
InicioO PaísPontevedraO elefante na habitación das Escolas Superiores de Arte Dramática

O elefante na habitación das Escolas Superiores de Arte Dramática

Comezan a emerxer casos similares de denuncias por acoso sexual e abuso de poder en diferentes escolas do Estado español.

O día 2 de marzo cumpriuse un ano desde que a asemblea de estudantes da ESAD de Galicia revelou a existencia de alomenos cinco denuncias por acoso sexual e abuso de poder a dous profesores do centro. Algúns dos feitos denunciados remontaríanse ao ano 2006, sen que a Escola actuase sobre eles en nungún momento.

As alumnas e alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia comezaron, entón, unha folga que só a declaración do Estado de Alarma pola Covid-19 foi quen de interromper. Dende entón, conseguiron a apertura dun proceso xudicial no que non só se encontran os dous profesores das denuncias iniciais, senón un terceiro. Todos foron suspendidos da docencia. O equipo directivo, que leva á fronte do centro desde o ano no que estas situacións comezaron a producirse, non asumiu aínda ningún tipo de responsabilidade arredor do sucedido, e continúa no seu cargo.

Isto non é un caso aillado. Case un ano despois de que a caixa de Pandora se abrise na ESAD de Galicia, un caso atronadoramente similar saltou aos medios. Sucedeu en Cataluña, nunha das escolas de Arte Dramática máis prestixiosas e antigas do Estado español, a do Institut del Teatre. Tamén alí, segundo informa elDiario, foron sinalados alomenos tres docentes, malia que as e os estudantes aseguran que hai máis. En Cataluña, a responsabilidade institucional non se fixo agardar, e a directora xeral do Institut del Teatre, Magda Puyo, dimitiu o pasado venres. Con ela, a cúpula ao completo da ESAD, pedindo perdón por non ter atopado as ferramentas para parar a situación.

Resulta sinxelo pensar que o da ESAD de Galicia e do Institut del Teatre non son excepcións, malia que non se pode precisar cando comezarán a saltar os demais casos aos medios. Córdoba, Madrid, Murcia, Málaga… En tódalas escolas do Estado é posible atopar estudantes ou egresados, principalmente mulleres, que contan historias truculentas e aterradoramente similares de docentes, principalmente homes, dos que foron alumnas. Os e as estudantes do Institut del Teatre crearon, nese sentido, a plataforma Abús Art, insistindo en que non se trata dun caso aillado e coa intención de recompilar testemuñas para despois denunciar os feitos.

En Si Radio Dixital, falamos con antigos alumnos e alumnas da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, para coñecer a súa perspectiva sobre estas problemáticas.

Por que se producen estas situacións?

Resulta, para as persoas alleas ao mundo da Arte Dramática, moi difícil entender como é posible que isto suceda de xeito tan xeralizado. Dentro dese ambiente, porén, téñeno bastante claro.

«A pedagoxía da interpretación actoral leva séculos a fundamentarse en modelos case mesiánicos, nos que un gurú determinado acolle a un pequeno séquito e se asume que, a cambio de convertilos en actores incribles, eles teñen que aceptar a vexación constante, que o gurú os rompa como seres humanos para logo reconstruílos como actores», di unha antiga estudante da ESAD de Galicia, á que chamaremos María. «Cando, en lugar de apostar pola sistematización do coñecemento que corresponde ao século XXI, se segue a permitir que os docentes pretendan ser a voz e o corpo de gurús que levan décadas mortos, é inevitable que se produzan estas situacións. E a pandemia de machismo que atravesa a nosa sociedade non fai que a situación sexa mellor. As mulleres somos as máis afectadas», engade. 

Outro antigo alumno, ao que aquí chamaremos Pedro, di: «Eu creo que, primeiro de todo, estas cousas pasan pola endogamia: a escola está separada do mundo. Entón o profesorado comeza a sentirse poderoso. Os e as docentes son reis no seu trono, levan moitos anos facendo todo o que queren sen consecuencias. Todo está moi segmentado. Un profesor explícache unha cousa dun xeito, e outro explícache o mesmo doutro. Ves perfectamente que os profesores non se tratan ben entre eles diante dos estudantes. Entendo que teñan problemas persoais, pero non poden meter no medio a estudantes de 18 anos que están aprendendo a desenvolverse tanto profesional como persoalmente. Por que pasa todo isto? O que é moi raro é que non pasara antes. Ninguén fai o seu traballo, e cada ano hai unha caza de bruxas diferente. A xente remata os seus estudos tan queimada que xa non queren saber nada. Todo está corrupto.»

«O maior problema é que na ESAD todos miran por si. O único que queren é salvar o cu, e salvarse o cu entre eles», di unha ex-alumna á que chamaremos Carla. «Despois están as loitas de egos, e a ESAD é un fervedoiro diso. En canto tentas tocar a alguén que non queren que toques… Eu comecei a ter problemas na ESAD só cando intentei reclamar inxustizas que vía que se estaban a cometer e ninguén facía nada. Así que eu acudía directamente a Inspección, que era o único órgano superior que eu sabía que podía facer algo, porque na ESAD non se ía facer. No momento en que acudín a Inspección convertinme nunha apestada. A ESAD é unha secta, e se non estás con eles estás contra eles, ese é o problema. Se noutras escolas pasan cosas similares é polo mesmo. Hai moitos docentes que están ‘endiosados'».

Van as «condutas inapropiadas» máis alá dos docentes sinalados?

Sobre a cuestión de se as condutas de acoso sexual e abuso de poder se limitan aos docentes sinalados, Pedro di: «A min o que me chama a atención é que saíran estos. Eu vivín situacións extremas co profesorado. Cheguei a ver a dous docentes ao borde da agresión física para ver cal dos dous collía unha cadeira do corredor, retrasando con iso o comezo das aulas. Vin a unha docente agredir verbalmente a unha limpiadora (sen estar ela diante), empregando a un alumno para desafogarse. Hai unha docente da que me constan moitísimas queixas, pero nunca se chegan a tramitar porque as queixas teñen que pasar por ela. E podería seguir ata fartar.»

Falando da súa experiencia persoal na escola, Pedro relata: «A miña situación sempre foi incómoda para os profesores, en xeral. Sobretodo, para os profesores de interpretación. Polo tema do xénero. Non sabían xestionar a miña identidade de xénero dentro dos exercicios de interpretación. Hai unha falta de educación moi grave nos docentes, no relativo á diversidade sexual e de xénero. Cando eu fixen as probas de acceso á escola, non me querían deixar entrar na proba escrita porque o meu DNI amosaba un nome masculino. Están moi pouco preparados para este tema. Unha docente que nunca me dera clase mesmo lle dixo a unha compañeira que tiña ganas de ser a miña profesora para mandarme facer papeis de home, cando o certo é que eu nunca fixera papeis de muller.»

Sobre a mesma cuestión, a súa compañeira Carla di: «Co acoso ou abuso sexual… Eu nunca o sufrín nin fun testemuña. Abuso de poder… Iso sí. Eu tiven unha discusión moi gorda en segundo curso cun docente (que non foi sinalado) porque facía traballos extraescolares con alumnos. Traballos que a el lle remuneraban, eran pagados. Pero a nós non nos pagaba nin o transporte para os ensaios. Eu faleino con el e díxenlle o que pensaba. Participei nun par deses traballos, pero díxenlle que se non me pagaba nin as dietas nin o transporte non o ía seguir facendo. Para min iso é un abuso de poder: estás formando alumnos e, á marxe das prácticas da escola, lúcraste extraoficialmente por facer un traballo no que utilizas aos teus estudantes. A min non me volveu chamar para ese tipo de cousas, pero sei que o seguiu a facer. En cuarto curso, unha profesora contou con tódolos meus compañeiros e compañeiras, excepto comigo, para facer unha curta e presentar un festival. Segundo ela, fíxoo porque eu tiña máis contactos neste ‘mundiño’ que tódolos meus compañeiros. Tamén tentaba provocarme nas aulas para que rifase con ela. Eu non teño a titulación, malia ter feito o traballo de fin de estudos, porque unha profesora decidiu, na miña última convocatoria para superar a súa materia, facerme un exame con preguntas que non estaban relacionadas cos apuntamentos da materia. Cando lle dixen que non ía facer ese exame, porque nunca se impartiran eses contidos, díxome que a profesora era ela e que eu tiña que facer o que me mandaba. Fun onda o director para denunciar a situación e el díxome que non me metese nesa loita, que fixese un escrito pedindo outra convocatoria alegando que o traballo fóra da escola me impedira preparar o exame. Dixo que el mesmo se encargaría de que ma concederan e que me avaliase outra persoa. Fíxenlle caso. A convocatoria foi denegada e ao denunciar todo isto á inspección pedíronlle explicacións ao director. El lavou as mans e utilizou o seu consello na miña contra, alegando que “non tiña constancia de que eu traballase fóra”, coma eu dicía para xustificar unha nova convocatoria. A titulación non me importa, porque nos estudos artísticos non é tan importante completar o itinerario para poder traballar. O que doe é o xeito no que me afectou todo iso; o dano psicolóxico que me produciu estudar na ESAD durante 6 anos. A día de hoxe non teño ganas nin curiosidade por traballar como actriz, cando eu levo facendo teatro dende os 13 anos. Dende os 13 anos, nunca deixei de facer teatro, pero despois da ESAD xa non volvín actuar. Fixen unha substitución nunha obra porque mo pediron, pero estou desencantada. Afectoume moito. E sei que me gusta, pero teño un bloqueo emocional moi grande e… Non teño ganas. Dame moito noxo todo o mundo que rodea á Interpretación. A palabra é esa: noxo.»

Ante isto, Pedro engade: «O que máis lembro da escola son as horas de medo. Nunca saber que dicir ou que non. Estar ansioso. Ver a compañeiras e compañeiros que saen chorando das aulas cada día, e que xa ninguén pregunte que lles pasa porque estamos demasiado habituados a esas situacións… Hai un sistema de medo normalizado. Entre outras cousas porque se superas as dúas faltas de asistencia perdes a avaliación continua, e iso fai moito máis fácil que poidas perder a beca. Na miña aula comezamos 16, e creo que acabamos 9.» 

Cal é o papel do equipo directivo nesta situación?

Ante a pregunta de cal foi a actuación do equipo directivo ante os casos denunciados, Carla di: «O equipo directivo lavou as mans dun xeito bastante intelixente, entre comiñas. Foron os primeiros en propulsar a plataforma de #unsegredoavoces e en interrogar ás alumnas para poder evadir a súa responsabilidade no asunto. Apoiaron ás alumnas para agocharse, cando eles son o comezo do problema. Eles pensan que foi unha xogada intelixente, cando en realidade foi pór a cabeza na soga. En ningún momento pasou pola súa mente a posibilidade de dimitir, pero agora que saíu o caso do Institut, terán que facelo. Non facelo é pórse en evidencia.»

Pedro engade: «Todo o equipo directivo funciona mal. Se necesitas pór unha queixa dinche que hai que seguir o protocolo, e que primeiro debes falar ti co profesor implicado. Ou sexa, tes un problema, que pode ser grave, cun docente, e pretenden que fales ti con el sen mediación. Despois co titor, persoa a persoa ascendendo na cadea de mando, e para cando chegas a falar con alguén que podería solucionar algo… Xa estás esgotado de pelexar. Bótanlle a culpa de todo á xestión da Xunta e a que non somos universitarios, pero algo tan simple como elixir a unha persoa para encargarse dos estudantes internacionais tardaron máis de 4 meses en facelo, tendo estudantes tirados no estranxeiro. Cando o equipo directivo, por unha banda, non está no seu posto de traballo, por outra, non acepta responsabilidades e por outra, descoñece o que pasa nas súas aulas… O único que fai o equipo directivo é vender fume nas redes sociais e na televisión, pero nunca falan do que pasa na escola realmente. Excepto que a alguén lle dean un premio, claro, se te premian por algo xa podes ser recoñecido como alumno da ESAD.»

«Nun centro tan pequeno, con tan poucos estudantes, é sinxelamente imposible que haxa tres ou máis persoas acosando e abusando do alumnado, desde o 2006, sen que a dirección do centro se decate. Non é posible, sinxelamente.», di María. «Hai quen di que moitas estudantes fixeron escritos denunciando condutas sexuais inapropiadas por parte de docentes e que desde a dirección se lles pediu que calasen. Non sei se iso é certo, só son cousas que ouvín, pero insisto en que non é posible que nun centro que non chega aos 400 estudantes se produzan abusos sexuais durante 14 anos sen que ninguén se decate.»

A situación na ESAD de Galicia é extremadamente complexa. Ao longo desta semana apareceron nos corredores cartaces coma o da foto, reclamando a asunción de responsabilidade por parte do equipo directivo. A tensión é evidente e derívase directamente do sucedido na escola catalana. Será este o inicio dunha onda expansiva que evidencie que en cada unha das Escolas Superiores de Arte Dramática do Estado español hai un elefante na habitación que todo o mundo finxe non ver?

 

DimisionESADGALICIA

Cartaz difundido na ESAD de Galicia ao longo desta semana. Informante anónimo 

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS