A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras para a execución dunha senda peonil na estrada PO-404, xunto á rotonda de acceso á depuradora de Guillarei, en Tui.
A intervención foi adxudicada á empresa Construcciones Obras y Viales S.A. e conta cun investimento de 32.400 euros. Os traballos, que comezarán nas vindeiras semanas, teñen un prazo de execución de 2 meses.
Esta actuación permitirá prolongar a senda no perímetro da glorieta da intersección da estrada autonómica co viario de acceso á depuradora de Guillarei, salvando un punto da estrada especialmente estreito. Esta rotonda foi executada pola Xunta no ano 2019, cun investimento de preto de 263.000 euros.
Construirase un treito de senda de 60 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 1+760 e 1+820, cun ancho mínimo de 1,5 metros.
A intervención, que se executará no dominio público existente, inclúe un muro e sostemento dunha altura media de 1,5 metros.