O expresidente Donald Trump reapareceu este domingo na Conferencia de Acción Política Conservadora de Orlando cunha intervención plagada de críticas ás políticas do seu sucesor, Joe Biden.
Segundo informa a BBC, abriu, na súa intervención, a porta a volver a ser candidato á presidencia de Estados Unidos en 2024.
«Quen sabe, quen sabe. Podería mesmo decidir vencelos por terceira vez», dixo en referencia aos seus rivais demócratas.
«Un presidente republicano regresará á Casa Branca. Pregúntome quen poderá ser», engadiu.
Ante unha audiencia formada por seguidores, Trump insistiu sen aportar probas en que perdeu nas eleccións de 2020 porque foron «amañadas» e fixo un chamado aos seus seguidores a manter activo o seu movemento político.
«Non importa canto o poder establecido en Washington e os poderosos intereses especiais queiran silenciarnos, que non quede ningunha dúbida. Sairemos victoriosos e Estados Unidos será máis forte e máis grande que nunca», dixo.
O expresidente apagou os rumores de que podería crear un novo partido, pero deixou claro que seguirá a ter actividade dentro do Partido Republicano. «Non vou crear un novo partido. Temos o Partido Republicano. Vaise unir e facerse máis forte que nunca antes».
Ante un público entregado, Trump non aforrou en ataques contra Biden, ao que atribuíu «o primeiro mes máis desastroso de calquera presidente na historia moderna», e foi especialmente demoledor co plan de reforma migratoria que Biden impulsa no Congreso do que dixo que, de aprobarse, convertiría a Estados Unidos en «un santuario» para a inmigración irregular.
Superado o «impeachment» polo seu papel no asalto ao Capitolio o pasado 6 de xaneiro, Trump parece decidido a competir polo liderazgo do Partido Republicano ou, alomenos, por manter a súa influencia.
Trump mantivo diferencias públicas con algúns dirixentes republicanos críticos coa súa actuación ao final do seu mandato, coma o líder da minoría republicana no Senado, Mitch McConnell, e cargou contra os membros do Partido que marcaron distancias con el e buscarán a reelección nas eleccións de metade de mandato de 2022.