Logo de anos reclamando unha nova guardería, por fin comezan as obras desta nova infraestrutura que duplicará as prazas actuais para nenos de entre 0 e 3 anos.
A vindeira semana inícianse as obras da nova escola infantil do Concello da Guarda, que terá o seu emprazamento nas antigas vivendas de mestres e no comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde.
A nova escola contará con 41 prazas distribuídas en tres unidades. O proxecto contempla a conservación de parte da fachada do edificio actual; na planta baixa localizarase a escola infantil cun patio para goce exclusivo dos usuarios, e o piso superior estará destinado a usos auxiliares
O obra adxudicouse a empresa Construcciones Ramírez S.L. por 691.746,99 euros, dos cales a Xunta de Galicia achega 410.000 euros e o concello da Guarda os 281.746,99 euros restantes. Para que esta actuación fora posible, ademais de anos de xestións e da importante contribución económica, o concello tivo que facerse cargo da redacción do proxecto e da dirección de obra.
O prazo para a execución da obra é de 14 meses, o remate da edificación está previsto para o primeiro semestre de 2022. Logo, a Xunta deberá financiar o equipamento necesario para por en funcionamento a escola, que estará xestionada a través da rede de escolas infantís Galiña Azul.
A Xunta farase cargo da contratación e custo do equipamento necesario para poñer en funcionamento a escola, así como da súa xestión a través da rede de escolas infantís Galiña Azul.
“A previsión é a de eliminar as listas de agarda e dar servizo a todas as familias que o necesiten. Esta actuación permitirá avanzar na conciliación da vida familiar e laboral e mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, sobre todo da xente máis nova. A súa vez forma parte das políticas de loita contra a crise demográfica que pretenden frear a diminución de poboación na localidade”, valora o alcalde, Antonio Lomba.