lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasO CondadoEmpuxe a nominación de Groba nos Premios Princesa de Asturias

Empuxe a nominación de Groba nos Premios Princesa de Asturias

A veciñanza pode formalizar o seu apoio individual na Biblioteca Municipal.

O Concello de Ponteareas remitiu, nas últimas semanas, unha comunicación ás entidades e colectivos ponteareáns para acadar un apoio masivo á candidatura para os premios Princesa de Asturias das Artes 2021 do Mestre Rogelio Groba Groba, o maior referente da creación musical galega co catálogo de obras máis amplo e recoñecido de Galicia.

Ademais, a Concellaría de Cultura que dirixe Fernando Groba, puxo ao dispor da veciñanza exemplares para a sinatura de apoio individual por parte de cada veciña ou veciño. “Son moitos os colectivos que xa transmitiron o seu apoio cumprimentando estas cartas que o Concello remitirá a Xunta de Galicia, pero consideramos necesario seguir sumando apoios para lograr este gran fito para Ponteareas e o noso país. Por ese motivo, nestas semanas, a veciñanza pode seguir formalizando o seu apoio individualmente na Biblioteca Pública Municipal”, indicou o edil.

Recoñecemento á Fundación Groba

Fernando Groba trasladoulle novamente os parabéns do goberno local á Fundación Groba, “por conseguir que, tras tres anos intentándoo, a Xunta por fin escoitara a súa proposta para que no 2021 o Mestre Groba poida optar a este merecido recoñecemento”

O concelleiro nacionalista lembrou que, dende o Concello, foron varias as iniciativas levadas a cabo nos últimos anos para homenaxear e divulgar a figura e obra de Rogelio Groba Groba, despois de que no ano 2006 fora nomeado Fillo Predilecto de Ponteareas. Neste sentido lembrou que dende o 2016 a vila conta cunha rúa que leva o seu nome e cun festival de gran prestixio que xa acadou a oitava edición, o Festival Groba. Así mesmo, o Concello de Ponteareas colaborou na publicación do libro O neno Groba e Música, e vén de publicar un estudo monográfico sobre as súa vida e obra baixo o título “Rogelio Groba. Os acordes da natureza”, un libro-cd con algunhas das súas músicas editado no marco da colección “Creadores ponteareáns”, que foi distribuído en todas as bibliotecas do municipio por parte do executivo local.

Fernando Groba súmase ás palabras do escritor e xornalista Manrique Fernández, indicando que “dalgunha maneira, podemos comparar o que este autor representa para a música culta galega co que Rosalía significou para a literatura. A única diferenza está en que Rosalía non naceu nin se criou en Ponteareas mais Rogelio Groba Groba, si. Temos o deber moral e debemos apoiar esta candidatura”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS