Mos, Salceda de Caselas e Porriño conmemoran esta xornada, homenaxeando o nacemento dunha das figuras máis relevantes da literatura galega no seu 184 aniversario.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil xunto coa Concellería de Cultura do Porriño coordinaron unha acción divulgativa nos centros de educación secundaria para que se escoite a poesía de Rosalía transformada en rap. “Rap con Rosalía” é o nome do proxecto desenvolvido esta semana en horario lectivo e nas que participa alumnado de 1º e 2º da ESO
Ofrecéronse catro obradoiros formativos de rap en galego nos que se traballaron diferentes recursos didácticos para aprender a escribir e interpretar rimas en galego e con temáticas de interese para a mocidade combinadas con diferentes textos e poesías da autora, adaptándoos a ritmos de 4×4 para poder “rapealos” colectivamente sobre unha base musical urbana.
Por outra banda, o equipo de goberno salcedense non quixo faltar á súa cita. E realizou este mércores, 24 de febreiro, unha ofrenda floral no espazo dedicada á escritora, na rúa que leva o seu mesmo nome.
E, dende o Concello de Mos súmanse tamén á celebración do Día de Rosalía. “Exemplo e inspiración de tantas mulleres galegas, desde aquí rendémoslle hoxe homenaxe á figura de Rosalía de Castro: como artista, como escritora, como muller, como persoa, como galega excepcional… como orgullo dos e das galegos e galegas, e como orgullo dos e das mosenses. Exemplo de valentía e empoderamento feminino, exemplo de fortaleza… VIVA ROSALÍA!”.